A XXIV Feira Gastronómica de Produtos Galegos concentrarase en catro días, do 31 de xullo ao 3 de agosto
Sanxenxo, 22 de xullo de 2025. Arra vivirá nove días de festa co festival Montalvo Fest á galega, no que se poderá gozar das orquestras Panorama e París de Noia, e cun Carnaverán, cunha exposición de traxes dos entroidos máis importantes de Galicia como principais novidades. Con motivo do seu 25 aniversario, a Asociación San Cayetano de Arra, en colaboración co Concello de Sanxenxo, ten prevista unha ampla programación que terá como epicentro a explanada de Montalvo.
A actividade comezará este sábado, día 26, coa apertura da Feira de Artesanía e os Cantares de Taberna. O día 27, a partir das 20:30 horas, celebrarase unha das novidades desta edición, o Carnaverán, cunha exposición de traxes típicos dos entroidos máis emblemáticos de Galicia baixo a temática “Oficios e tradicións galegas”. A xornada rematará co DJ Dolce Vita.
Os días 28, 29 e 30 de xullo continuará baixo a carpa a Feira de Artesanía e as actuacións de cantautores locais. Do 31 de xullo ao 3 de agosto abrirase a XXIV Feira Gastronómica de Produtos Galegos, con churrasco, empanada, zamburiñas e outros produtos a prezos populares. A partir das 22:30 horas comezará o Montalvo Fest á galega coas orquestras Panorama e París de Noia. A entrada ao festival terá un custo de 3 euros.
O día 1 de agosto continuará a actividade coa actuación de Rockandprol a partir das 23:00 horas. O 2 de agosto haberá obradoiros de artesanía e, ás 22:00 horas, celebrarase o X Serán dos Loureiros coa actuación de Os Gatiños de Portonovo e Lembranzas do Tambre. Haberá queimada gratuíta.
O broche final das festas será o domingo 3 de agosto cunha xornada chea de actividades, na que o X Certame de Pintura Rápida “Arra como Antiga Parroquia” será o evento central. Repartiranse 4.900 euros en premios, así como entradas para o Aquapark Sanxenxo e o Racing Dakart Sanxenxo. A entrega de premios terá lugar no Priorado de Arra, onde tamén se poderán ver as obras dos participantes. As obras gañadoras ao longo destes dez anos poden verse na sala de exposicións do Pazo Emilia Pardo Bazán durante este mes e todo o mes de agosto.