Destacan as melloras en accesibilidade nos colexios das vilas de Portonovo e Sanxenxo.
Sanxenxo, 25 de xullo de 2025.– Como cada verán, Concello e Consellería aproveitan as vacacións escolares para realizar distintas melloras nos colexios de Sanxenxo. Vimos de uns anos con importantes investimentos nos centros educativos: o novo colexio de Vilalonga, o pavillón deportivo do colexio de Nantes, a mellora das instalacións do colexio de Portonovo, a substitución das cubertas do IES de Vilalonga e a reforma do pavillón de Vilalonga que utiliza a diario o IES.
Ademais das pequenas reparacións en todos os centros, este ano estanse a realizar dúas actuacións que destacan. É o caso da mellora da accesibilidade no colexio de Portonovo, valorada en 250.000 €, que está a levar a cabo a Consellería de Educación. Inclúe a instalación dun ascensor entre as dúas plantas do edificio de primaria, a ampliación da aula de usos múltiples, un baño adaptado en primaria (en infantil xa se fixera o ano pasado) e o cubrición das rampas que comunican os edificios de infantil e primaria. Pola súa parte, o Concello encargarase de cambiar as columnas da entrada principal, pintar o ximnasio e limpar os canlóns.
No colexio da Florida, grazas ás cesións e aos terreos adquiridos polo Concello, vaise ensanchar e asfaltar o acceso da rúa Ricardo Santos, entre a rúa Poetas Galegos e a estrada de Padriñán, o que permite mellorar a seguridade de peóns e vehículos. A obra inclúe unha cesión onde se farán varias prazas de aparcamento, o ensanche do vial e a eliminación da cuneta a ceo aberto coa correspondente recollida de pluviais.
Para rematar, pavimentarase a calzada, recreceranse as tapas de rexistro afectadas e colocarase sinalización vertical. A mellora está valorada en 64.960 € e conta cunha subvención de Agader. Outras actuacións do Concello neste centro son: arranxo de persianas, fixación das pedras da entrada de infantil, instalación de velas para crear sombra no parque infantil e substitución do porteiro do comedor.
Por último, outras melloras que se están a facer con fondos propios do Concello están valoradas en 50.000 €. No colexio de Noalla cambiarase unha xanela, arranxarase a caseta do xardín, plantaranse árbores no patio de infantil e limparanse as escaleiras de emerxencia. Na aula infantil de Aios pintarase o edificio, cambiaranse dúas portas e unha persiana. No colexio de Dorrón pintarase o edificio e arranxarase un columpio. No de Nantes farase o pintado exterior, arranxo da porta principal, substitución de azulexos do baño, pintado da sala de usos múltiples e cambio da iluminación da pista deportiva.