Concello de Sanxenxo - SANXENXO SOBE A TAXA DO LIXO OBRIGADO POLA LEI DE RESIDUOS ESTATAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A pesar do incremento, as familias do municipio seguirán pagando menos que noutros concellos da contorna

Sanxenxo, 7 de outubro de 2025.- Sanxenxo, como o resto dos concellos españois, ten que subir forzosamente a taxa do lixo para cumprir a Lei de Residuos que o Goberno de España aprobou co apoio dos seus socios, entre eles, o BNG.

Ata o de agora, os concellos de España recadaban unha media do 60 % do custo do servizo de recollida do lixo, e o 40 % restante cubríase con ingresos doutros impostos ou taxas. Porén, a Lei de Residuos (artigo 11, punto 3) establece que a taxa non pode ser deficitaria: “As entidades locais establecerán unha taxa que recade o custo real, directo ou indirecto, das operacións de recollida, transporte e tratamento dos residuos”.

As familias de Sanxenxo seguirán pagando menos que noutros concellos. A taxa do lixo subirá o próximo ano 35 € anuais. A urbana pasa de 87,52 a 123 € (+35,48 €) e a taxa do rural de 43,77 a 79 € (+35,23 €). As familias en situación de vulnerabilidade poderán beneficiarse da exención total da taxa. Os establecementos que asinen convenios con asociacións benéficas para o aproveitamento de alimentos poderán bonificarse nun 20 %.

A pesar da suba, que entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2026, unha familia de Sanxenxo que viva no rural pagará 50 € menos que en Vilagarcía (130 €) e 14 € menos que en O Grove (93 €). Unha familia que viva en zona urbana pagará 7 € menos que en Vilagarcía e 9 € menos que en Pontevedra (132 €). E iso que hai concellos que aínda non axustaron a súa taxa ao custo real do servizo, como obriga a lei.

Ademais, Sanxenxo vai mellorar substancialmente a recollida do lixo e a limpeza viaria grazas ao concurso público en marcha que permitirá a elección dunha nova adxudicataria. Entre outras melloras, o lixo recollerase con máis frecuencia no rural e porta a porta na hostalaría; os novos colectores contarán cun sensor para indicar cando están cheos, e está prevista a renovación da frota de camións e vehículos.

En canto ás actividades económicas, comercios, bares, hoteis e outros establecementos, a taxa seguirá estando por debaixo da doutros concellos. Por exemplo, un comercio pagará en Sanxenxo 220 € anuais fronte aos 251 € de Pontevedra e 278 € de Vilagarcía. Un hotel duns 20 cuartos pagará entre 680 e 1.100 €, dependendo de se ten comedor exclusivo para clientes ou non. En Vilagarcía paga 835 € e en Pontevedra entre 1.350 e 1.711 €.

0
0
0
s2sdefault