A revisión dos puntos de luz e auga e o acondicionamento dos espazos comúns centran os esforzos
Sanxenxo, 22 de outubro de 2025.- O Concello de Sanxenxo acondiciona os seis cemiterios do municipio para a celebración do Día de Defuntos e o Día de Todos os Santos cun intenso operativo de traballos que comezou hai xa varios días nos camposantos de titularidade municipal, no caso do de Dorrón e o de Sanxenxo, coas podas dos xardíns e a limpeza das zonas e espazos comúns.
En concreto, no cemiterio de Sanxenxo, este ano a Concellería de Servizos e Mantemento, dirixida por Yago Torres, continuou co adoquinado de cinco pasillos centrais que estaban en terra despois de que o ano pasado se fixera o mesmo na entrada principal. En total, mellorouse o pavimento nunha superficie de 90 metros cadrados con adoquíns en bo estado retirados da Praza do Pazo tras a obra.
En canto ao resto de cemiterios, o Concello colabora cos xestores dos camposantos de Nantes, Portonovo, Noalla e Vilalonga, no que se refire a tarefas de limpeza, así como con traballos de mantemento. Para contribuír á mellora destes espazos durante estas datas tan sinaladas, operarios municipais revisan estes días as zonas axardinadas e comúns, os puntos de luz e auga, así como os viais de acceso, para reforzar a seguridade viaria e interior.