Concello de Sanxenxo - O POLICÍA LOCAL ABELARDO MARTÍNEZ RECIBE A MEDALLA EXTRAORDINARIA ÁS BOAS PRÁCTICAS EN EDUCACIÓN VIARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O acto tivo lugar onte en Coria del Río durante o VI Congreso Andaluz de Educación Viaria.

Sanxenxo, 24 de outubro de 2025.- O policía local Abelardo Martínez conta desde onte cun novo recoñecemento á súa implicación na mobilidade segura tras recibir a Medalla extraordinaria ás Boas Prácticas en Educación Viaria a través da Asociación de Técnicos en Educación e Seguridade Viaria de Andalucía e da Fundación Smart Baby, en Coria del Río, no marco do VI Congreso Andaluz de Educación Viaria.
“Fai moita ilusión porque Andalucía é unha das comunidades españolas de referencia en seguridade viaria e que pensasen en min para esta medalla anímame a seguir traballando”, explica.

Ao acto asistiron o alcalde de Coria del Río, Modesto González; Luis Carlos Rodríguez, fiscal de Seguridade Viaria de Andalucía, Ceuta e Melilla; Eduardo Barrero, presidente de Atesvan; Josep María Vallés, presidente da Fundación Smart Baby; Asunción Grávalos, directora do Instituto de Emerxencias e Seguridade Pública de Andalucía; e Natalia Izquierdo, fiscal de Seguridade de Córdoba.

Un novo premio que pon en valor a traxectoria do creador da marioneta do Poli Paco, coa que achega desde hai anos a seguridade viaria ás aulas. Este é o terceiro premio que recibe este ano, tras ser distinguido coa Medalla de Ouro en Seguridade Viaria na quinta Convención Nacional de Policías Locais sobre Mobilidade e Seguridade Viaria en Valladolid e coa Medalla de Ouro en Educación Viaria no Congreso Global Mobility Call celebrado en Madrid.

Tras iniciar a súa traxectoria impartindo formación en seguridade viaria en 2008, Abelardo Martínez creou a súa recoñecida marioneta en 2012, guiñol ao que seguiron outros como Ero o Bombeiro, o Avó Nicolás e a Poli Lola, como unha forma de achegarse ao alumnado.
Un traballo que foi merecedor doutros premios como a Medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o galardón Ponlle Freo.

0
0
0
s2sdefault