Concello de Sanxenxo - SANXENXO GAÑA UNHA NOVA ZONA DE ESTANCIA E DESCANSO NO PASEO DOS BARCOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 28 de novembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo recuperou un novo espazo degradado no Paseo dos Barcos como zona de estancia e descanso de veciños e visitantes. Operarios de parques e xardíns municipais, da Concellería de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos dirixida por Yago Torres, renovaron unha pequena zona verde, situada ao final do paseo nun dos extremos da praia Panadeira. Así, ademais de mellorar o espazo con novas plantas e arbustos, acondicionaron o pequeno muro con pedra e colocaron catro respaldos, a modo de banco, que convidan a gozar das bonitas vistas e tomar un descanso, á sombra dunha árbore xa existente na zona.

Os operarios municipais axardinaron tamén unha das novas rotondas creadas na estrada da Vichona, dentro da actuación de mellora de seguridade viaria realizada na PO-504, cun oliveira na zona central da glorieta, varias pequenas plantas e iluminación.

Cómpre lembrar que Sanxenxo acaba de revalidar o seu dobre galardón de Vilas en Flor polo coidado dos seus espazos verdes con dúas Flores de Honra. Para esta edición, o Concello sumou como novo espazo ás súas 220 zonas verdes o Miradoiro da Peixeira, así como a nova zona axardinada de Panadeira. Vilas en Flor é un programa que quere mostrar a riqueza natural e paisaxística do territorio mediante o recoñecemento público de todos aqueles proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos que son un exemplo a seguir.

O obxectivo destas dúas actuacións é continuar mellorando e embelecendo os espazos públicos, así como a imaxe do municipio de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault