Concello de Sanxenxo - UN BELÉN DE CASE CATRO METROS DE LONGO CONVÉRTESE NA NOVA ATRACCIÓN DO PAZO DO NADAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 


Un veciño de Sanxenxo, Luis Aguín, expón a súa creación formada por máis de 200 figuras

Sanxenxo, 17 de decembro de 2025.- O Pazo do Nadal, situado na Praza do Mar, conta cunha nova atracción e motivo de visita, un gran Belén de case catro metros de longo e dous metros de ancho. Trátase dunha creación formada por máis de 200 figuras, que o veciño de Sanxenxo, Luis Aguín, expón no recinto do Nadal. “Gústanme desde pequeno os beléns e teño moitas figuras”, asegura. Agora xa está xubilado, pero foi carpinteiro de ribeira e moitas das pezas que o compoñen están feitas coas súas propias mans. Conta con outros dous expostos na igrexa de Nantes e na de Adina. “O máis complicado é poñer e distribuír as figuras para que todo teña sentido e atraia a atención da xente. Leva máis dun día”, apunta.

Durante esta fin de semana a actividade e a oferta lúdica non pararán no Pazo do Nadal. O venres 19, Elena Loredo, tamén coñecida como Elesky, é unha pianista, compositora, streamer de Twitch e videoxogadora xixonesa. Cando comezou, podían contarse cos dedos dunha man as canles dedicadas á música. Ela creu, dedicou horas mentres remataba de sacar o grao superior no Conservatorio Superior de Oviedo e pouco a pouco foi medrando ata lograr superar os 357.000 seguidores actuais. Elesky ofrecerá un concerto ás 20:30 horas.

O sábado 20 estará especialmente orientado ao público familiar. De 17 a 20 horas abrirá o espazo Xogos do Nadal, que incluirá xogos de mesa e videoxogos retro, creando un punto de encontro interxeracional.
Ás 18:00 horas, representarase a obra infantil “Torpelina ten un problema”, a cargo de eMdeTeatro, asociación de teatro infantil. Trátase dunha proposta ambientada no Nadal, dirixida ao público familiar, na que participan 10 nenos e nenas, un formato escénico que integra interpretación teatral cunha duración aproximada de 60 minutos.

O domingo 21, de 11 a 14 horas, celebrarase o Encontro Sanxenxo K-pop, unha actividade que concibe o K-pop como unha comunidade global, diversa e inclusiva.
O encontro estrutúrase como un obradoiro participativo que combina dinámicas de integración, aprendizaxe dunha coreografía e mostra final, fomentando a expresión persoal, o respecto pola diversidade e o traballo en grupo.

Pola tarde, de 17 a 20 horas, volverá abrir o espazo de Xogos do Nadal, completando unha fin de semana cunha proposta de lecer familiar.
Durante toda a fin de semana, o público poderá tamén gozar da pista de xeo, do mercado do Nadal e da zona gastronómica, facendo do Pazo do Nadal un espazo cuberto de referencia para vivir estas festas en Sanxenxo.


0
0
0
s2sdefault