Concello de Sanxenxo - MEDIO AMBIENTE SACARÁ DE NOVO A CONCURSO O SERVIZO DE CONTROL DE GATOS RÚA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello identificou, rexistrou, esterilizou, desparasitou e vacinou a 71 mininos abandonados en 2025

Sanxenxo, 23 de xaneiro de 2026.- O Concello de Sanxenxo está a elaborar un novo prego para proceder á licitación do servizo de control de gatos rúa co fin de realizar a adecuada xestión sanitaria das colonias de gatos urbanos do municipio e a atención veterinaria urxente. A elaboración destas novas condicións prodúcese despois de que o anterior concurso quedase deserto.

A Concellería de Medio Ambiente, Servizos e Mantemento, dirixida por Yago Torres, realizou en 2025 a identificación, rexistro, esterilización, desparasitación e vacinación de 71 gatos rúa. “Quero agradecer a colaboración altruísta dos 31 voluntarios que, con autorización municipal, realizan tarefas de seguimento e coidados das distintas colonias felinas existentes nas 7 parroquias de Sanxenxo”, apunta Torres.

É moi importante a colaboración e concienciación cidadá neste tema, sobre todo no que respecta ao abandono por parte dos propietarios de mascotas das camadas non desexadas, deixando os gatos en colonias, en colectores e noutros espazos públicos. Cómpre lembrar que coa entrada en vigor da Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e do benestar dos animais, quedan prohibidas, en relación coas colonias felinas:

• O abandono de gatos nas colonias, sexa cal sexa a súa orixe.
• A solta de gatos en colonias distintas á propia de orixe.
• A retirada de gatos comunitarios da súa colonia, con 4 excepcións.
• O confinamento dos gatos non socializados co ser humano en centros de protección animal, residencias ou similares, agás as actuacións necesarias e os procesos de intervención de animais das colonias para o seu tratamento ou recolocación.

Así mesmo, durante o ano 2025 realizáronse 179 avisos ao servizo de recollida de animais abandonados de Armenteira (CAAN). Un total de 61 cans procedían de Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault