Concello de Sanxenxo - SANXENXO SUMA UN NOVO SENDEIRO AZUL POLO INTERIOR DO MUNICIPIO ENTRE O CON DA ROMAÍÑA E O CON DA VENTUREIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Adeac comunicou esta nova distinción que se suma aos oito Sendeiros Azuis cos que xa conta o municipio

Sanxenxo, 9 de febreiro de 2026.– Sanxenxo continúa poñendo en valor as rutas polo interior do municipio. A Adeac vén de confirmar a concesión dun novo Sendeiro Azul entre o Con da Romaíña e o Con da Ventureira, que une as parroquias de Nantes e Padriñán. Unha proposta realizada desde a Concellería de Turismo, dirixida por Juan Deza, que se suma aos outros oito sendeiros con esta distinción e que converte a Sanxenxo en líder nacional.

O sendeiro conta cunha lonxitude de 3.985 metros e unha anchura media de dous metros. O tempo medio estimado do percorrido é dunha hora e vinte minutos e o grao de dificultade é baixo. A maior parte do sendeiro discorre por sendas naturais, pero existen tramos por pistas asfaltadas, polo que se levarán a cabo medidas para garantir a seguridade peonil, coa pintada de tres novos pasos de peóns e tres bandas peonís. Estas actuacións irán acompañadas da colocación de sinalización vertical de reforzo.

A senda parte do río Besada, no parque empresarial de Nantes, e discorre polo Con da Romaíña, o Pazo da Maza e remata no Con da Ventureira. Uns espazos ligados a tradicións e lendas con grande arraigamento no municipio, como a Lenda da Moura ou a Lenda de Manolito e a Serpe. A senda Con da Romaíña–Con da Ventureira enlazaría, a apenas uns metros, coa Ruta dos Carballos de Aldariz, sumando preto de 10 quilómetros.

Desde a Concellería de Turismo e Praias xa se encargou a cartelería e a sinalización da ruta para marcar o itinerario e destacar en paneis os puntos da senda. Con esta senda son tres as que discorren polo interior do municipio e que contan con este distintivo de calidade, xunto coa do río Pintillón (Dorrón) e a dos Carballos de Aldariz. A estas sumaríanse as seis do litoral: Sendeiro Litoral Areas–Punta Festiñanzo, Sendeiro Litoral Canelas–Punta Cabicastro, Sendeiro Litoral Montalvo–Major, Sendeiro Litoral Paxariñas–Montalvo, Sendeiro Litoral Sanxenxo–Portonovo e Sendeiro Máxico da Lanzada.

O programa Sendeiro Azul premia e recoñece a conservación e recuperación de sendeiros e camiños, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o desfrute da natureza a través da realización de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles. Para obter o distintivo Sendeiro Azul débese cumprir un conxunto de criterios e indicadores, que se agrupan en catro categorías: características das sendas e trazados; información, sinalética e infraestruturas nos sendeiros; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e uso público dos sendeiros.

0
0
0
s2sdefault