Veciños do municipio acudiron esta tarde á nave de servizos do parque empresarial de Nantes para recibir os primeiros lotes gratuítos
Sanxenxo, 25 de marzo de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, acompañados dos concelleiros de Medio Ambiente, Yago Torres, e de Deportes, Xuventude e Voluntariado, Marcos Guisasola, iniciaron esta tarde o reparto dos primeiros 1.410 árbores para repoblar as parcelas en franxas secundarias e así mellorar a xestión da biomasa e previr incendios forestais.
Veciños do municipio, que previamente solicitaran arborado na oficina de Medio Ambiente, acudiron esta tarde á nave de servizos do parque empresarial de Nantes para recibir os primeiros lotes gratuítos de cereixos, carballos, castaños e nogueiras. “Hoxe estamos cumprindo cun compromiso adquirido o ano pasado cos veciños nas reunións que mantivemos polas parroquias co Seaga pola limpeza de fincas nas franxas secundarias. Quero agradecerlle á Xunta de Galicia a súa colaboración por cedernos 3.000 árbores”, dixo. “Sanxenxo ten 43 quilómetros cadrados, pero ademais de praia, ten moito monte e gustaríanos seguir promovendo un bosque autóctono e agradable polo que moita xente tamén nos visita”, asegurou Martín.
Pola súa parte, a conselleira destacou que Sanxenxo é un “concello pioneiro e adherirse a esta iniciativa que se inclúe no convenio de franxas secundarias que é esencial para protexer os máis de 30.000 núcleos de Galicia”. “Dende aquí recordou que é moi necesario ter estas franxas limpas e sen esas árbores prohibidas porque chegado un lume van axudar a protexer o que máis queremos, as nosas casas”, dixo.
Os veciños recibirán unha árbore por cada 7 metros cadrados, ata esgotar existencias. As persoas beneficiarias están obrigadas a plantalas nos seus terreos para cumprir a normativa de xestión de biomasa. Realizarase un segundo reparto no mes de outubro, para así garantir un maior éxito na plantación.