Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECOÑECE O COMPROMISO DO SECTOR COA CALIDADE E A SUSTENTABILIDADE NA SÚA PRIMEIRA GALA DE TURISMO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Pazo de Quintáns acolleu a cita na que 55 establecementos e entidades, dun total de 83 certificados, recolleron o seu distintivo SICTED.

Sanxenxo, 15 de xuño de 2026.- O Pazo de Quintáns acolleu esta tarde a I Gala de Turismo de Sanxenxo, na que se puxo en valor o compromiso do sector coa calidade, a excelencia e a sustentabilidade turística. Un total de 55 establecementos e entidades, dun total de 83 certificados, recolleron o seu distintivo SICTED, que se renova cada dous anos. Con máis de dúas décadas como ente xestor deste distintivo, Sanxenxo lidera a excelencia turística como o municipio galego con maior número de empresas adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos, impulsado por Turespaña e a FEMP.

Á gala, presidida polo alcalde, Telmo Martín, asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o presidente de Segittur, Enrique Martínez; e o deputado provincial, Javier Tourís, así como membros da Corporación municipal, representantes do sector turístico e persoas premiadas.

Durante a súa intervención, o alcalde, Telmo Martín, asegurou que “é un orgullo ver este edificio cheo de talento, esforzo e de persoas que comparten unha mesma visión: facer de Sanxenxo un destino único ao que querer volver”. Na mesma liña, destacou que “levamos máis de dúas décadas liderando a calidade turística a nivel nacional. Fomos pioneiros en entender que o turismo non consiste só en ter as mellores praias ou o mellor clima; consiste, por riba de todo, en ofrecer un servizo excelente, profesional e sustentable”.

Na gala tamén se realizou a entrega dos premios da XV edición de Sanxenxo Degusta Tapas, cos que, por primeira vez, se distinguiu aos establecementos autores das tapas gañadoras.

Na categoría tradicional, o primeiro premio foi para O Vasko coa súa proposta “Terra e Mar”; o segundo para A Batea con “Allo e auga”; e o terceiro para Restaurante Xerfa con “A mordida do mar”.

Na categoría creativa, o primeiro premio recaeu en O Buraco con “Zorza do mar con emulsión de jalapeños e caviar de cítricos”; o segundo foi para Restaurante Xerfa con “Marea Perfecta”; e o terceiro para La Mar Brava, coa súa proposta “Hand Roll Ika”.

0
0
0
s2sdefault