Concello de Sanxenxo - A ASOCIACIÓN CULTURAL SAN PEDRO DE BORDÓNS CELEBRA O SEU 25 ANIVERSARIO CUNHA AMPLA PROGRAMACIÓN ESTIVAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O presidente do colectivo, Esteban Miniño, e o concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Manuel Pérez, presentaron as actividades na Casa do Sear.

Sanxenxo, 22 de xuño de 2026.- A Asociación Cultural San Pedro de Bordóns cumpre 25 anos e faino cunha ampla programación. O presidente da Asociación Cultural San Pedro de Bordóns, Esteban Miniño, acompañado do concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Manuel Pérez, presentou esta mañá na Casa do Sear, que tamén cumpre 25 anos, o calendario de actividades.

A programación arranca o domingo 28 de xuño coa tradicional Fogueira de San Pedro, con sardiñada e churrascada na contorna da igrexa. Non faltará a música nin a batucada a cargo de Queimacasas. O sábado 11 de xullo, Bordóns celebrará a terceira edición da Festa Ye-Yé, na que se anima aos veciños a caracterizarse das décadas dos 60, 70 e 80 para gozar da música e dos concursos. Tampouco faltarán os foodtrucks atendidos por locais da zona. Será ás 22:00 horas na Praza de Manuel Cortés.

O 31 de xullo, a asociación conmemorará o seu 25 aniversario con música e baile na contorna da igrexa. O 1 de agosto celebrarase San Roque coa orquestra e espectáculo de Cuarta Calle. Ao día seguinte festexarase o Día do Carme coa orquestra Solara.

O 22 de agosto poñerase o broche de ouro á programación coa XV Festa Labrega na Praza de Manuel Cortés. A xornada comezará cunha ruta para, ás 13:00 horas, repoñer forzas cunha mexilloada e empanada caseira. Nas pistas polideportivas celebrarase un torneo de billarda e na Praza de Manuel Cortés haberá xogos populares e tradicionais. Pola tarde, a animación correrá a cargo de Os do Barro, Soalleira e Portonovo Canta. Tamén haberá un concurso para premiar o pemento, o tomate e a pataca máis grande cultivados na parroquia. Pola noite, churrascada e queimada gratuíta.

Miniño lembrou ao primeiro presidente do colectivo, Alfonso Rea, e tamén aos distintos concelleiros de Cultura que ao longo destes 25 anos colaboraron coa asociación. “Agradecerlle o apoio a cada un deles e a súa colaboración en cada unha das actividades que facemos”, sinalou.

Pola súa banda, Xoán Manuel Pérez puxo en valor o papel do colectivo na dinamización cultural da parroquia. “Facedes un gran traballo e, ademais, este ano un día máis de festa. Noraboa e seguide así porque o Concello vaivos apoiar”, indicou.

0
0
0
s2sdefault