O Concello reforza o dispositivo de seguridade e de limpeza tanto nos areais como nos espazos públicos
Sanxenxo, 23 de xuño de 2026.- A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá Sanxenxo para presentar a campaña “Reciclar é coidar do San Xoán” co obxectivo de concienciar sobre a necesidade de respectar o medio ambiente e desfrutar da noite de San Xoán de maneira sostible.
Acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, e polo de Turismo e Praias, Juan Deza, realizou a entrega dun decálogo de boas prácticas no miradoiro da Rosa dos Ventos no Paseo de Silgar. “Eliximos Sanxenxo porque é un exemplo para outros moitos municipios autorizando as cacharelas en espazos públicos e en praias só urbanas”, dixo. Vázquez incidiu en que “hai varios municipios en alerta vermella pola calor, polo tanto hai que extremar as precaucións e pasar unha boa noite, pero con sentidiño”. “Galicia ten que dar a mellor imaxe esta noite na que se incrementan os residuos un 3%, polo que hoxe vanse repartir milleiros de folletos co decálogo de boas prácticas”.
O concelleiro de Medio Ambiente destacou que esta noite se reforzarán tanto os dispositivos de emerxencia como os de limpeza “co obxectivo de que, dende primeira hora da mañá, estea todo en perfecto estado”. Para iso, Torres pide “a colaboración cidadá para que se poida desfrutar da noite, pero tamén do día seguinte”.
Un total de 207 fogueiras celebraranse esta noite en Sanxenxo, das que 183 se realizarán en leiras privadas, 8 na praia de Caneliñas, 10 en Silgar, 2 en Panadeira e catro en diferentes espazos públicos. Nas autorizacións inclúese o número de participantes, polo que se prevé que acudan a estas fogueiras un total de 2.669 persoas.
O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para esa noite, desde as 22:00 ata as 6:00 horas da madrugada do día 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21:00 horas e, ás seis da mañá, evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza.