Sanxenxo, 24 de xuño de 2026.- Portonovo sumará proximamente un novo equipamento deportivo municipal. As obras do pump track en Baltar e a mellora do Centro de Día, xunto co acondicionamento do exterior do pavillón cunha estación de adestramento, están a piques de concluír.
Na pista de pump track poderanse practicar diferentes disciplinas de nivel avanzado nun percorrido de 84,80 metros. O trazado poderá percorrerse completamente cunha bicicleta sen necesidade de pedalear e unicamente mediante impulsos. Dentro deste espazo inclúese unha zona para descanso, descompresión ou quecemento conectada por dous puntos diferentes ás pistas do pump track. Nesta zona sitúase a área de descanso.
A empresa Narom é a encargada de executar os traballos por un importe de 240.648 euros, cos que se busca potenciar a zona de equipamento deportivo de Baltar, así como a integración de todas as zonas verdes baixo unha mesma estética. A actuación inclúese dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Con este fin, proponse a intervención da parte dianteira do pavillón como un proxecto paisaxístico que conecte coa zona verde do Centro de Día, onde se están creando zonas de estancia sensiblemente planas na base do noiro e no encontro entre os dous espazos coa soleira do pavillón. A actuación inclúe a instalación de bancos de formigón prefabricado con zonas de asento en madeira maciza e unha zona de pavimento duro pola que se poida camiñar. Tamén se habilitará unha zona para a práctica do xogo da chave, doada por un usuario.
Na parte exterior traseira do pavillón estase a executar un sendeiro realizado en zahorra cemento, ideal para a práctica deportiva, e unha zona central na que se instalará unha estación de adestramento. Tamén se realizará unha nova sementeira de céspede natural, respectando a arborado existente.
A iluminación de todas as zonas verdes realízase co mesmo tipo de báculo LED, unificando a imaxe final das intervencións.