Concello de Sanxenxo - O PASEO DE SILGAR ACOLLE ESTE DOMINGO A XXVI MILLA VILA DE SANXENXO A FAVOR DA ASOCIACIÓN NEEN@S>
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, e membros da Asociación Neen@s presentaron esta mañá a proba

Sanxenxo, 24 de agosto de 2026.- O Paseo de Silgar acollerá este domingo a Milla Urbana de Sanxenxo, que cumpre 26 anos baixo o lema “Abrazando a diversidade”. As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición en www.deporticket.com antes do mércores 26. O diñeiro recadado coas inscricións destinarase integramente á Asociación Neen@s Sanxenxo, que presta atención a familias con nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, xunto a membros do colectivo Neen@s, presentou esta mañá a proba deportiva no Círculo dos Desexos, no Paseo de Silgar. “É unha proba deportiva emblemática e familiar que, ademais, ten outro ingrediente importante, que é o solidario. Creo que é de xustiza recoñecer o labor que realiza a Asociación Neen@s e visibilizar o seu traballo”, apuntou Guisasola.

A orde de saída das probas, entre as 12:00 e as 13:00 horas, será a seguinte: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, júnior, afeccionados e veteranos (A, B e C). A distancia tamén será diferente en función da categoría.

Desde as 10:30 horas, o colectivo habilitará tres recunchos: un con información sobre a asociación; outro sobre a Meiga Xesta, supervisora da lectura e escritura dos nenos e nenas da asociación; e outro de pintacaras, co que se busca poñer os participantes no lugar de diferentes personaxes e traballar a empatía.

Plan de tráfico

Con motivo da proba deportiva, cortarase o tráfico rodado no Paseo de Silgar (desde a Rúa Madrid ata a Rúa Rosalía de Castro) entre as 11:00 e as 13:30 horas do domingo.

Polo tanto, entre as 11:30 e as 13:30 horas, non se poderá acceder nin saír do parking Nauta.

0
0
0
s2sdefault