Concello de Sanxenxo - SANXENXO ELABORARÁ A TORTILLA DE PATACAS MÁIS GRANDE DO MUNDO O VINDEIRO 5 DE SETEMBRO NA PRAZA DO MAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A recadación das racións, que terán un prezo de 3 euros, destinarase a entidades benéficas

Sanxenxo, 27 de agosto de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e o propietario da empresa El Huevo de la Abuela, Manuel Casal, presentaron esta mañá na Sala Nauta a cita que terá lugar o vindeiro sábado, 5 de setembro: a elaboración e degustación da tortilla de patacas máis grande do mundo.

Un reto que se realiza por primeira vez en Sanxenxo, tras dúas edicións en Melide, pero con dúas novidades importantes. A metade da tortilla elaborarase con cebola cultivada no municipio e realizaranse dous volteos de tixola en lugar dun. “Un dos nosos requisitos foi que se elaborara a metade con cebola de Sanxenxo”, apuntou o alcalde, e incidiu en que “trátase de darlle máis contido e relevancia ao noso produto cunha xornada diferente despois do Día de Santa Rosalía”.

A Praza do Mar será o escenario da cita, na que se elaborará a tortilla nunha tixola de máis de 6 metros de diámetro. A súa dimensión complica o traslado, polo que se realizará en catro pezas e soldarase sobre o terreo. En canto á elaboración, na que participarán 72 persoas, serán precisos 17.000 ovos, 1.700 quilos de patacas, 300 quilos de cebola, 300 litros de aceite e 30 quilos de sal. Para voltear a tixola será precisa unha grúa de 75 toneladas e unha gran pericia.

A partir das 10:30 horas, comezará a elaboración da tortilla e prevese que, a partir das 14:30 horas, se inicie o reparto das 10.000 racións entre os asistentes a un prezo de 3 euros. A recadación estará destinada a fins benéficos. A cita rematará cando se sirva a última ración de tortilla.

Casal destacou que “a colaboración por parte do Concello e do alcalde foi absoluta e non puidemos dicir que non”. En canto á elaboración, explicou que as patacas se preparan tres días antes e chegan a Sanxenxo refrixeradas en camións. “Corenta persoas encárganse de esparexelas pola tixola en tinas e esténdenas con angazos. Supón un reto porque non se ensaia antes”, explicou Casal.

0
0
0
s2sdefault