Sanxenxo, 28 de agosto de 2026.- As obras do novo mercado de Sanxenxo arrancan o vindeiro martes, 1 de setembro, tal e como estaba previsto, co replanteo e os traballos previos ao inicio da estrutura do edificio. A empresa adxudicataria, Oreco Balgón, realizará a obra por 5,3 millóns de euros e nun prazo de 11 meses.
A intervención supón a culminación dun proxecto concibido para revitalizar esta zona do casco urbano, ampliando o eixe comercial de Sanxenxo cara á Rúa Madrid e xerando un novo espazo de encontro para veciños e visitantes.
Esta segunda e última fase toma o relevo dunha primeira actuación xa executada, na que se soterrou o tráfico mediante un paso inferior que deixou preparada a infraestrutura para un futuro aparcadoiro público de 32 prazas, ademais dos accesos ao mercado e ás plantas superiores.
O edificio contará coas seguintes plantas:
- Un soto de 1.447 m², distribuídos en accesos rodados, aparcadoiro, almacéns e salas de máquinas.
- Unha planta baixa de 494 m² e un altillo de 324 m² que acollerán o mercado de abastos.
- A primeira planta, de 541 m², acollerá as dependencias municipais.
- A segunda e terceira plantas, cun total de 1.082 m², albergarán a biblioteca e a sala de estudos.
- Un espazo baixo cuberta con terraza, de 319 m², que contará cunha zona de restauración.
Un dos elementos característicos da proposta gañadora do concurso de ideas, “Los Lunes al Sol”, asinada polo arquitecto catalán Tony Bosch, son as súas tres fachadas acristaladas. Co obxectivo de que o edificio cumpra con todos os parámetros de eficiencia enerxética e climatización interior, colocaranse 116 paneis fotovoltaicos.
Deste xeito, instalarase un sistema de ventilación e climatización mediante aerotermia, con bombas de calor independentes por planta.