Concello de Sanxenxo - O TESOUREIRO LUIS SABARIZ ROLDÁN XUBÍLASE TRAS PRESTAR 34 ANOS DE SERVIZO EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Durante a súa traxectoria como tesoureiro no municipio, coincidiu con cinco alcaldes distintos

Sanxenxo, 24 de agosto de 2026.- O tesoureiro municipal xubílase tras 34 anos de servizo en Sanxenxo. Despois de dúas prórrogas, Luis Sabariz Roldán, con 70 anos, conclúe no municipio unha dilatada traxectoria laboral que lle permitiu coincidir con cinco alcaldes en distintas épocas e partidos: José Antonio Nieto, José Luis Rodríguez, Catalina González, Gonzalo Pita e Telmo Martín.

Ademais da área de Tesourería, Sabariz colaborou noutras áreas como a inspección de expedientes e formou parte de numerosos tribunais de selección. “Sempre me gustou tratar ben ao veciño e axudar no que puiden para que a administración avanzase”, asegura. Lembra que “cando cheguei apenas cabiamos no edificio” e que “houbo momentos complicados cando foi a crise en 2009 porque non entraba diñeiro”.

Sempre cun trato afable e colaborador, Sabariz presume de “terse levado sempre ben cos membros das distintas corporacións” e de “non ter présa se o traballo requiría botarlle máis horas das previstas”. Nunca se formulou solicitar un traslado a outro concello, malia a distancia de case 50 quilómetros que o separa da súa casa en Pontecesures. “Nunca collín unha baixa e, cando tiven algún achaque de saúde, sempre me permitiu volver pronto. Sempre tiven vocación de servizo público”, apunta.

O alcalde, Telmo Martín, recibiuno no seu despacho o Día de Santa Rosalía, coincidindo co seu último día de traballo e co seu 70 aniversario. “Luis sempre foi un traballador comprometido, disposto a colaborar e implicarse ao máximo nos seus cometidos e bo compañeiro. En definitiva e, por enriba de todo, unha moi boa persoa”.

0
0
0
s2sdefault