Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA A HUMANIZACIÓN DOS SETE VIAIS E CAMIÑOS DO NÚCLEO RURAL DE PADRIÑÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O proxecto inclúe a pavimentación de 1.929 m² en plataforma única con formigón e lastro, con prioridade peonil

Sanxenxo, 28 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo continúa coa humanización dos seus núcleos rurais. Esta semana comezaron os traballos en Padriñán. O proxecto inclúe a pavimentación de 1.929 m² en plataforma única, combinando lastro e formigón, con prioridade peonil, pero sen impedir o tráfico de vehículos. O custo da actuación é de 449.765 euros e será financiada ao 100 % a través do Plan +Provincia. En total, melloraranse sete viais e camiños, facendo máis agradable o seu uso e desfrute.

O novo proxecto de mellora integral do núcleo de Padriñán non só transformará a superficie, senón que servirá para acometer unha profunda modernización dos servizos subterráneos e das redes de subministración, solucionando deficiencias históricas na evacuación de augas e mellorando a eficiencia enerxética.

- Modernización do saneamento e abastecemento

Aínda que a zona conta actualmente con redes de abastecemento de auga e saneamento de augas fecais, o Goberno local aproveitará a execución destes traballos para intervir en ambas as instalacións. As actuacións permitirán renovar as canalizacións actuais, optimizar o servizo e previr futuras avarías na subministración e na evacuación de residuos.

- Nova rede para solucionar a acumulación de augas pluviais

Un dos puntos críticos que resolverá este proxecto é a recollida de augas da choiva, cualificada como deficiente e inexistente na maior parte do núcleo. Ata o de agora, durante os meses de maiores precipitacións, a auga discorre directamente pola superficie, provocando problemas de acumulación. Para solucionalo, instalarase unha rede de pluviais completamente nova que canalizará a auga de maneira segura ata conectar coa rede pública municipal.

- Eliminación do tendido aéreo e soterramento de cables

Co obxectivo de mellorar o impacto visual e a seguridade das liñas de subministración, o proxecto contempla a eliminación do actual tendido aéreo de telecomunicacións e baixa tensión. No seu lugar, executaranse canalizacións soterradas que permitirán albergar estes servizos baixo terra, modernizando a estética da contorna rural e urbana.

- Iluminación LED eficiente

Finalmente, o alumeado público renovarase por completo. Os traballos incluirán a instalación dunha nova canalización eléctrica e a colocación de farois de última xeración con tecnoloxía LED. Esta medida non só aumentará a seguridade viaria e peonil do lugar, senón que reducirá significativamente o consumo eléctrico e a pegada ambiental da Administración local.

0
0
0
s2sdefault