Concello de Sanxenxo - SANXENXO IMPLANTA 100 NOVOS CONTEDORES PARA OPTIMIZAR A RECICLAXE DE BIORRESIDUOS NOS GRANDES XERADORES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 30 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo dá un paso firme na súa estratexia de sostibilidade coa posta en marcha do proxecto "Ampliación do grao de implantación territorial e mellora da calidade da recollida separada de biorresiduos para grandes xeradores". Esta iniciativa, impulsada desde a Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Yago Torres, supón un investimento total de 29.826,50 euros, financiados ao 100 % a través dunha subvención do programa Galicia Feder 2021-2027, e ten como obxectivo prioritario separar os biorresiduos no punto de orixe para o seu traslado a instalacións de tratamento biolóxico.

O núcleo do proxecto consiste na instalación de 100 contedores específicos de exterior destinados en exclusiva ao sector hostaleiro, restauración, establecementos comerciais con sección de frescos e comedores colectivos. A principal innovación radica en que os contedores contarán cun sistema de peche con chave e control de acceso, o que garantirá que só os usuarios autorizados poidan utilizalos, minimizando a presenza de residuos impropios e asegurando a máxima calidade da fracción orgánica en orixe.

Ata o de agora, a recollida baseábase na entrega de caldeiros para o interior dos establecementos. Con todo, moitos negocios non podían colaborar activamente pola falta de espazo físico nos seus locais. Coa instalación destes novos contedores pechados na vía pública, pero de uso restrinxido e identificados, o Concello ofrece unha solución cómoda, limpa e viable para implicar o tecido económico local na economía circular. Debido ao gran peso do sector turístico e hostaleiro en Sanxenxo, a produción de biorresiduos é moi elevada ao longo de todo o ano.

Coa posta en marcha deste sistema, o Concello de Sanxenxo estima acadar un incremento da capacidade adicional de recollida de 300 toneladas ao ano, agardando recoller de forma efectiva un mínimo de 270 toneladas anuais de biorresiduos.

O proxecto non se limita á dotación material, xa que inclúe información, comunicación, difusión e seguimento, así como unha campaña de sensibilización e captación entre os locais de hostalería do municipio.

Con esta actuación, Sanxenxo avanza cara a un modelo de xestión municipal máis ecoeficiente, reducindo as emisións derivadas dos vertedoiros e transformando os residuos orgánicos en novos recursos mediante o tratamento biolóxico.

 

faldon Sanxenxo 002

0
0
0
s2sdefault