Concello de Sanxenxo - SANXENXO DESPIDE POR XUBILACIÓN AO INSPECTOR XEFE, MANUEL FERREIRO, TRAS 33 ANOS DE SERVIZO NA POLICÍA LOCAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, fíxolle entrega dunha escultura da Madama de Silgar, símbolo do municipio, en agradecemento polo seu labor

Tras 33 anos velando pola seguridade de Sanxenxo, o inspector xefe da Policía Local, Manuel Ferreiro, foi recibido esta mañá polo alcalde, Telmo Martín, así como o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, e varios membros do goberno con motivo da súa xubilación. A partir de mañá, colgará oficialmente o seu uniforme para gozar dun merecido descanso e tras ser un dos impulsores dos cambios máis importantes levados a cabo na Policía Local de Sanxenxo.

"En 2001 pasamos de quendas de 16 a 24 horas, só Sanxenxo e as capitais de provincia tiñan este servizo. Fomos pioneiros", explicou Ferreiro. Un ano antes, abandonaban o baixo no que se atopaba a súa sede e trasladábanse á actual. "Foi un salto cualitativo", indicou.


Manuel Ferreiro chegou a Sanxenxo o 1 de xullo de 1989 tras aprobar a oposición de sarxento e tras exercer como garda dous anos en Vilanova de Arousa. Coincidiu con ata 7 alcaldes diferentes e viviu oito mandatos, dous e medio co actual alcalde. Á hora de facer balance de intervencións destaca a participación na desactivación do artefacto explosivo de ETA colocado no Paseo de Baltar en agosto de 1996, a colaboración tras o desastre ecolóxico polo afundimento do Prestige en 2002, a onda de incendios forestais de 2006, as voltas ciclistas a España ou a Volvo Ocean Race en 2005. "O máis difícil é saber adaptarse á metamorfose que se produce en Sanxenxo durante os meses de verán nos que chegamos a superar os 100.000 habitantes procurando dar atención ás necesidades de seguridade dos veciños e visitantes as 14 horas", explica.


O alcalde fíxolle entrega dunha escultura da Madama de Silgar, símbolo do municipio, en agradecemento polo seu labor e dedicación. "Tivemos a oportunidade de coincidir en anteriores mandatos nos que puidemos marcar unha liña de traballo moi fructífera e que nos permitiu dar un cambio radical en Sanxenxo. Grazas en nome do goberno e de todos os veciños e veciñas por estos 33 anos de servizo", asegurou.

0
0
0
s2sdefault