Concello de Sanxenxo - SANXENXO COMPLETARÁ A RENOVACIÓN DA SENDA DO RÍO PINTILLÓN AO SEU PASO POR AREAS PARA PROTEXER A DUNA E MELLORAR O ACCESO AO AREAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o tramo da senda que se cambiará


Sanxenxo, 23 de abril de 2024.- Unha axuda da Xunta de Galicia dentro da liña de Embelecemento do Litoral permitirá a Sanxenxo executar tres accións que porán en valor o seu patrimonio natural. Unha delas, a renovación do tramo da senda do río Pintillón ao seu paso por Areas, aproximadamente 150 metros, que esta mañá visitou o alcalde, Telmo Martín, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e o concelleiro de Turismo, Juan Deza.

A actuación valorada en 79.149 euros sairá proximamente a licitación xunto á creación dunha nova pasarela na praia de Panadeira (48.387 euros) e un vídeo dos sendeiros litorais (14.943 euros). Os tres proxectos inclúense nas axudas do Embelecemento do Litoral Galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.


O alcalde, Telmo Martín, destacou a importancia destas tres accións "claves para coidar o  patrimonio natural que temos en Sanxenxo e que neste caso en Areas permitiranos coidar o espazo dunar". Na mesma, incidiu en que "a pasarela vaise levantar un pouco para deixar que a duna medre" e agradeceu á Xunta "a súa aposta por Sanxenxo".
Pola súa banda, o delegado autonómico en Pontevedra sinalou que estas axudas "permítennos coidar e mellorar o noso litoral e neste caso o concello turístico por excelencia". Tamén apuntou "a axilidade" do Concello de Sanxenxo na presentación de proxectos.


En canto á actuación na praia de Panadeira, exponse elevar a nova pasarela sobre a praia de forma que conforme un espazo complementario ao acceso público que serve aos locais comerciais. A nova senda será accesible para persoas con mobilidade reducida. Ademais, recuperarase o espazo que na actualidade ocupan as xardineiras existentes, as cales se demolerán e no seu lugar situarase a pasarela.

0
0
0
s2sdefault