A cita deportiva celebrarase esta fin de semana con 32 clubs participantes
Sanxenxo, 11 de xuño de 2025.– Un total de 344 deportistas daranse cita esta fin de semana no Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo, con 32 clubs participantes de distintos puntos de Galicia. Son en total catro categorías diferentes: Infantil, Cadete, Máster e Alevín. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, presentou o campionato acompañado dos directores deportivos da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Daniel Vila e Sergio Quintela.
Desde primeira hora do sábado comezará a competición: no caso das categorías Infantil e Cadete, realizaranse ata 10 probas, como sprint, relevos, rescate, carreira con táboa, nadar surf e bandeiras. O domingo competirán as categorías Máster e Alevín, con 9 e 4 probas, respectivamente.