O acceso estará limitado a mariñeiros, usuarios do porto deportivo e residentes con garaxe na zona
Sanxenxo, 11 de xuño de 2025.– O Concello abriu na tarde de onte o renovado acceso ao porto de Sanxenxo, que pasará agora a estar regulado por semáforos e lector de matrículas para potenciar a seguridade peonil na Praza dos Barcos, sen interferir na actividade portuaria nin nos accesos aos garaxes.
A actuación, valorada en 190.750 euros, está financiada con cargo aos fondos propios da sociedade municipal Nauta Sanxenxo, e consistiu na retirada do firme existente, substituído por un novo firme de formigón máis duradeiro, a colocación de bolardos móbiles e fixos ao longo do trazado e a instalación dun sistema de control de accesos para reducir o paso de vehículos e garantir a seguridade dos peóns.
A nova senda, con anchos variables entre 6 metros e 5,75 metros, presenta un firme máis reforzado, capaz de soportar o paso de vehículos con cargas pesadas sen que se produzan danos no pavimento.