O novo contrato aumenta a contía respecto ao anterior, en 2021, en 772.072 euros
Sanxenxo, 8 de xullo de 2025.– O Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo licita a xestión das dúas escolas infantís municipais, O Tombo e O Revel, por 3,1 millóns de euros e unha duración de catro anos. O novo contrato aumenta a contía respecto ao anterior en 772.072 euros. Ambas teñen unha capacidade de 121 prazas repartidas entre 0-1 ano (24), de 1-2 (39) e de 2-3 (58) durante o curso escolar do 1 de setembro ao 31 de agosto.
O servizo inclúe a atención educativa, garda e coidado dos nenos e nenas, así como a cociña e elaboración de menús que estarán supervisados por unha dietista. As escolas terán como obxectivo básico, ademais do coidado e a alimentación do neno, os factores de socialización, adquisición de hábitos de hixiene e autonomía. Esta función inclúe ademais a atención educativa conforme á normativa aplicable e ao Proxecto Educativo de Centro.
Cada centro abrirá durante un mínimo de oito horas diarias, en xornada partida ou continuada, cinco días á semana de luns a venres e doce meses ao ano, salvo causa xustificada. Non obstante, respectando estes mínimos, cada centro poderá determinar o seu calendario e horario de apertura e peche ao público en función da demanda existente e da necesaria conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
As EIM permanecerán abertas de luns a venres. Exclúense os días considerados festivos. O horario máximo de apertura das Escolas está comprendido entre as 7:30 h e as 19:30 h. Esta franxa horaria reducirase no horario de apertura e/ou peche cando o número de nenos/as con praza que teñan solicitada esa franxa horaria sexa inferior ao 30% do número total de prazas da Escola. Non obstante, respectarase sempre un horario mínimo de apertura de 8:00 a 17:00 horas.