Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REALIZA UNHA PODA DE ATRINCHEIRAMENTO NO ABETO BRANCO DO PAZO DE QUINTÁNS PARA EVITAR A CAÍDA DE POLAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A impoñente estrutura da árbore continuará presidindo o patio central do edificio declarado BIC en 2017

Sanxenxo, 9 de xullo de 2025.– O abeto branco que preside o patio central do Pazo de Quintáns, declarado BIC no ano 2017, continuará no lugar tras ser obxecto dunha poda de atrincheiramento para evitar a caída de polas e o progresivo deterioro da súa estrutura. O Concello contratou os traballos a Arbogal tras intentar sen éxito recuperar a árbore dos efectos dun fungo moi agresivo.

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro xa alertara da sensible degradación da parte alta do tronco e recomendara a súa retirada tras o tratamento posterior. Porén, como as probas de resistencia da madeira do tronco resultaron positivas e nas mostras tomadas do solo non se detectaron patóxenos, realizouse un segundo intento biselando e saneando os cortes horizontais e as zonas de madeira máis degradada (aplicando unha pasta funxicida); cauterizando con calor as zonas máis afectadas; e podando algunhas polas.

A árbore non logrou recuperarse, polo que se eliminou a totalidade da copa para evitar danos pola caída de polas secas mediante unha poda de atrincheiramento, tamén coñecida como baixada de copa. Trátase dunha técnica que se aplica a árbores maduras ou anciás para reducir o risco de fracturas e caídas de ramas pesadas ou debilitadas. Consiste en eliminar polas desde a súa inserción co tronco ou coas principais, co obxectivo de reubicar o centro de gravidade da árbore e favorecer o crecemento de novas ramas máis fortes e estables.

0
0
0
s2sdefault