O terreo privado foi cedido mediante convenio para o seu uso e ten capacidade para 200 vehículos.
Sanxenxo, 16 de xullo de 2025.- O Concello de Sanxenxo porá a disposición de veciños e visitantes a partir de mañá unha parcela de 4.000 m2 para estacionamento gratuíto na Carretera de A Circunvalación, próxima á estación de autobuses. O parking público estará limitado a 24 horas, non estará vixiado e ten capacidade para 200 vehículos.
Este novo aparcadoiro é posible grazas a un convenio de cesión de uso temporal gratuíto da parcela por parte dos propietarios. Operarios municipais levan varios días acondicionando o espazo que estará operativo a partir de mañá.
O Concello continúa coa súa aposta por unha mobilidade máis eficiente en tempada alta. Cabe lembrar que o Concello conseguiu xerar 1.464 novas prazas de estacionamento nas vilas de Sanxenxo e Portonovo mediante a ampliación da zona azul gratuíta e a apertura de novos espazos. Ao contrario doutros destinos turísticos, Sanxenxo mantén unha zona azul sen custo para o usuario, activa de 9 a 21 horas, o que permite unha maior rotación e dispoñibilidade de prazas en áreas de grande afluencia comercial e hostaleira.
Cabe lembrar que este verán, ademais dos aparcadoiros habituais, habilitouse unha nova rúa na rotonda do hotel Terraza con 60 prazas, sen rotación, e a parcela do novo mercado que en rotación permitirá estacionar 396 coches.
Por outra banda, a Policía Local comezará a controlar e revisar o estacionamento de A Perla en Portonovo que, desde fai semanas, se limitou a persoas que teñan o seu vehículo censado no municipio a través dun lector de matrículas.