Haberá autobuses lanzadeira desde o parque empresarial de Nantes para a chegada e, desde o Paseo de Silgar, tras a saída do evento.
Sanxenxo, 16 de xullo de 2025.- Con previsión da chegada á Praza do Mar de 15.000 persoas para asistir ao concerto de Juan Luis Guerra deste sábado en Sanxenxo, a Policía Local elaborou un dispositivo de mobilidade para garantir un acceso seguro ao evento.
Un plan para o que será necesaria a colaboración dos asistentes ao concerto que disporán de autobuses lanzadeira gratuítos con saída desde o parque empresarial de Nantes (Hiper Nantes), a partir das 17 horas, con parada única na marquesiña en fronte ao Hotel Terraza para a chegada á vila. Para a volta, un total de dez autobuses recollerán aos asistentes ao concerto no Paseo de Silgar, desde as 23:30 e ata as 2 horas, para levalos ao punto de partida no parque empresarial.
O desprazamento en bus é a alternativa recomendada para moverse ese día polo centro da vila, que sufrirá restricións de tráfico desde o inicio do operativo especial, desde as 17 horas e ata que remate o concerto, garantindo antes e durante o concerto o acceso aos propietarios de garaxes e servizos. Ao finalizar, o Paseo de Silgar quedará habilitado só para o tráfico dos autobuses para a saída da vila.
Mantense a prohibición de estacionamento en todo o Paseo de Silgar, pero a partir da tarde, os aparcadoiros exteriores con rotación quedarán sen limitación de hora e media de estacionamento ata que remate o concerto.