Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONSEGUE POR TERCEIRO ANO CONSECUTIVO O DIPLOMA DE OURO DE “PRAIAS SEN FUME”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 18 de xullo de 2025.- O Concello de Sanxenxo recibiu esta mañá a máxima acreditación na Rede Galega de Praias sen Fume, Categoría Ouro, ao contar con 24 praias neste programa que aposta por espazos públicos sen tabaco. O galardón foi entregado ao concelleiro de Turismo, Juan Antonio Deza, da man do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, nun acto celebrado na praia fluvial da Freixa en Ponteareas.

As praias que contan con este distintivo son Panadeira, Silgar, Baltar; Caneliñas, O Espiñeiro, Areas Gordas, A Lapa, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Major, Areas Esquerda, Areas Dereita, Agra, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Pampaído, Barreiros, A Granxa de Abaixo, Fontenla, Nanín e A Carabuxeira.

Con esta medida, implantada desde hai anos no municipio, o Concello aposta por coidar dos espazos naturais, xa que as colillas dos cigarros, a pesar de ser elementos de pequeno tamaño, poden tardar ata doce anos en desintegrarse e unha soa é capaz de contaminar ata dez litros de auga do mar. Deza subliña que “promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o seu consumo na sociedade e coidar o medio ambiente” son tres das razóns que levaron ao Concello de Sanxenxo a apostar polo distintivo “Praias sen Fume”.

Nas praias sen tabaco non está permitido fumar na zona da area, quedando excluídos desta medida os espazos ao aire libre dos locais de hostalaría situados nelas, como chiringuitos. Non hai vixilancia nin sanción, pero espérase que os usuarios cumpran voluntariamente coa norma, xa que se apela á responsabilidade persoal.

Ademais, as colillas dos cigarros son unha fonte significativa de contaminación nas praias e litorais. A simple vista, estas pequenas pezas poden parecer inofensivas, pero conteñen unha mestura de produtos químicos tóxicos que se liberan na auga e na terra a medida que se descompoñen. Os filtros dos cigarros están feitos de fibras plásticas que poden persistir no medio ambiente durante anos, contribuíndo á acumulación de microplásticos e danando a vida mariña.

0
0
0
s2sdefault