Concello de Sanxenxo - SANXENXO VOLVERÁ SER ESCENARIO DO CAMPIONATO MUNDIAL DE COLCHONETAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Esta peculiar competición chegará o domingo 20 de xullo á súa décimo quinta edición

Sanxenxo, 18 de xullo de 2025

Todo está en marcha para que o domingo 20 de xullo teña lugar, desde a praia da Panadeira, unha das probas “deportivas” e divertidas máis esperadas do ano na vila sanxenxina.

Por décimo quinto ano, celébrase o campionato mundial de colchonetas, organizado pola Asociación “O Cubreiro”. Nesta competición os participantes non só deben demostrar as súas cualidades deportivas, senón tamén o seu sentido do humor para escoller un disfraz e unha colchoneta que os distinga dos seus adversarios. Como calquera regata que se precie, os participantes teñen que ir ata unha boya, rodeala e chegar ata a praia.

Cómpre salientar que cada ano apúntanse máis grupos a competir na categoría de mellor disfraz (de feito xa fixeron a preinscrición uns cantos). A competencia chega ata tal extremo que non queren entre eles que se saiba de que van disfrazados para levar ese prezado galardón. Grupos que xa probaron as meces do triunfo en edicións pasadas queren repetir éxito e non queren que outros lles arreben ese honor como xa lles sucedeu, por iso cada ano a competencia é máis feroz, aínda que sempre con bo humor entre os grupos participantes.

Inscrición: Comeza ás 10:30 e termina media hora antes de cada carreira. Ademais fainse a entrega de dorsais e tómanselle as medidas de seguridade oportunas. Tamén se cubren os oportunos permisos e, os participantes que o desexen, pasan polo Photocall do evento. Para utilizar o servizo gratuíto de hinchado de colchonetas que facilita a organización deben estar tamén unha hora antes do comezo de cada proba xa que se forman longas colas para usar este servizo.

Antes da saída, todos os participantes quentan baixo as ordes da organización, facendo participar ao público que espera impaciente o comezo de cada carreira. O público sitúase tanto na praia como ao longo de todo o paseo, participando activamente nos bailes e ximnasia previa á toma da saída por cada categoría. Un show onde os “colchonetistas” pasan un bo rato e se relaxan da tensión previa á carreira.

Como nas edicións anteriores, haberá tres carreiras xa que os participantes dividiranse en tres categorías. Este ano será ás doce da mañá (12:00) cando tomarán a saída os nenos e nenas menores de 10 anos. Despois da súa finalización, sobre as 12:30 horas terá lugar a proba para os rapaces e rapazas de 10 a 14 anos. A carreira de adultos está prevista para a unha da tarde (13:00).

A continuación levarase a cabo a cerimonia da entrega de trofeos e premios. Haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, así como para os tres mellores disfraces individuais; haberá premio para a cada vez máis concorrida categoría de mellor disfraz en grupo, que tamén constará dun primeiro, segundo e terceiro premio, e un premio tamén para o disfraz á mellor parella. Este ano a organización indica que hai maior cantidade de premios que anos anteriores.

A organización espera conseguir incluso máis éxito de participación que nos anos anteriores, xa que o ano pasado houbo un récord de participación e o interese mostrado tanto nas redes sociais; nos medios de comunicación escritos, radiofónicos e televisivos e sobre todo na xente que para pola rúa desde hai meses aos membros da asociación para preguntarlles sobre o mundial de colchonetas. De feito, o “normal” é que a xente se inscriba o mesmo día pero este ano houbo xa 27 peticións da folla de inscrición vía o correo electrónico da asociación: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. De feito, xa hai apuntado algún participante internacional. Quen queira axilizar a súa inscrición e facilitar con iso o labor da organización pode descargar dita folla na páxina de Facebook de O Cubreiro ou ben pedila por dito correo electrónico. Haberá unha fila exclusiva para os que traian as follas cubertas.

Na pasada edición, foron preto de 360 as persoas que se animaron a participar nesta peculiar proba lúdico-deportiva coa presenza de numerosos medios de comunicación. O que comezou sendo unha reunión divertida entre amigos consolídase como un dos acontecementos sociais do pobo sanxenxino.

Se desexan máis información (fotos, novidades…) poden atopala na páxina de Facebook poñendo “Mundial de colchonetas de Sanxenxo”.

Asociación “O Cubreiro”

0
0
0
s2sdefault