As cinco analíticas realizadas en Nanín, que outros anos presentaba problemas, tamén son excelentes.
Sanxenxo, 1 de agosto de 2025.− A Consellería de Sanidade realiza controis microbiolóxicos en 20 praias de Sanxenxo. As 17 que dispoñen de bandeira azul, ademais das praias de Pampaído e Nanín. Nos cinco controis realizados, entre o 1 de xuño e o 22 de xullo, a calidade da auga das 20 praias foi excelente, como recolle a táboa de controis microbiolóxicos que se achega.
Estamos na metade da tempada, quedan por facer outros cinco controis, polo tanto, hai que ser prudentes porque sempre se pode producir un episodio puntual. Pero o certo é que os valores das 20 praias están moi por debaixo do nivel máximo de cada parámetro que corresponde cunha auga excelente, 100/100 ml no caso dos enterococos intestinais e 250/100 ml na escherichia coli.
No caso da praia de Pampaído, se mantén os niveis de calidade que leva ata agora, o vindeiro ano podería aspirar á bandeira azul, dado que con este son catro anos con analíticas sempre excelentes. En canto á praia de Nanín, noutros anos predominaban as analíticas malas sobre as boas, pero este ano, como se pode comprobar no cadro, nos cinco controis as súas augas deron unha calidade excelente.
As melloras feitas nos dous últimos anos foron determinantes e agardamos que definitivas. Iso si, como calquera outro areal, nunca está exento dun episodio de contaminación puntual. As melloras realizadas na praia de Nanín foron:
-
Substitución dun tramo de 300 m do colector de saneamento paralelo ao río Nanín.
-
Ampliación da rede de saneamento nos lugares de Sear e Chandevila.
-
Mellora da capacidade do bombeo de Nanín.
-
Substitución da tubaxe de entrada ao bombeo.
-
Renovación da tubaxe de saneamento que cruza a PO-308 en Nanín.