Concello de Sanxenxo - NOALLA PREVÉ REPARTIR ESTA FIN DE SEMANA 25.000 UNIDADES NA XXXII FESTA DA OSTRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita gastronómica terá lugar baixo unha carpa nas inmediacións do campo de fútbol

Sanxenxo, 4 de agosto de 2025.– Noalla rende homenaxe, desde este venres e ata o domingo, ao seu produto estrela, a ostra. A Comisión de Festas Virxe do Carme de Noalla, organizadora da cita, xa ten todo preparado para que na súa trixésimo segunda edición volva ser un éxito.

Un ano máis, o colectivo volve confiar a Mariscos Daporta o subministramento do bivalvo, 25.000 unidades que se prevé repartir entre os comensais que se acheguen á carpa que se ubicará nas inmediacións do campo de fútbol de Noalla. “O produto está excepcional e este ano, para non quedarnos curtos, encargamos 3.000 quilos máis que o ano pasado”, explica o presidente da comisión de festas, Roberto Garrido.

A concelleira de Educación, Nati Parada, xunto cos edís de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, e de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, acudiron hoxe á presentación da festa na Casa Forestal As Canteiras cunha ampla mostra do produto que se servirá na festa. “Convidamos a veciños e visitantes a desfrutar esta fin de semana dunha cita consolidada como é a Festa da Ostra. É un orgullo contar cun produto de gran calidade que xa é un símbolo para a parroquia”, dixo Parada.

Tamén haberá outros produtos como mexillóns, sardiñas, polbo, churrasco, empanada… a prezos populares. A ducia de ostras estará a 12 euros. O viño albariño será servido por Bodegas Aquitania. As xornadas estarán amenizadas con charangas e gaiteiros.

0
0
0
s2sdefault