A empresa reduce o prazo de execución a tres meses
Sanxenxo, 5 de agosto de 2025.- O Concello de Sanxenxo vén de adxudicar a Construcciones Castro Figueiró as obras de humanización da Travesía Areal en Portonovo por 137.689 euros. O proxecto, que está subvencionado pola Deputación a través do Plan +Provincia, executarase nun prazo non superior a tres meses.
A actuación para humanizar a Praza Travesía Areal baséase, indica o Concello, en recuperar este espazo, de 706 metros cadrados, para o gozo da cidadanía, enlazándoo peonilmente co mercado, rúas e xardíns lindeiros. Así, búscase xerar un espazo «de relación social» tanto na rúa como nas prazas e zonas verdes próximas, fomentando un entorno urbano máis amable e sustentable.
Eliminarase a escaleira de acceso desde a rúa pola súa parte sur e dotarase dunha rampla que permita salvar esa diferenza de cota, mellorando a accesibilidade a este espazo. O acceso desde o mercado realizarase en dous tramos a diferente cota, salvados por unha xardineira intermedia. Substituiranse os bancos de formigón por bancos de pedra e os elementos de iluminación por outros de menor consumo enerxético.
Proxéctase tamén a renovación da rede de saneamento e a ocultación de arquetas e colectores pluviais á vista, ademais de melloras no acabado e reparación de elementos deteriorados.