Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLE A PRESENTACIÓN DO VIII RALLYE DE PONTEVEDRA CON 140 INSCRITOS EN TEMPO RÉCORD
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio volverá ser sede da proba organizada pola Escudería Congostra Team Sanxenxo

Sanxenxo, 20 de maio de 2026.- O Real Club Náutico acolleu este mediodía a presentación do VIII Rallye de Pontevedra, que converterá a Sanxenxo no epicentro do automovilismo galego os días 5, 6 e 7 de xuño. A proba, organizada pola Escudería Congostra Team Sanxenxo, baixo a dirección de Diana Rivas, é puntuable para o Campionato Galego de Rallyes de asfalto.

O acto de presentación, dirixido por Terio Carrera, contou coa presenza dos alcaldes dos concellos polos que transcorre a proba: Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade, Meaño, Barro, Moraña e Poio. Tamén asistiron o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez; a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda; e o xefe do servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, así como patrocinadores, pilotos e membros da escudería Congostra Team.

O alcalde en funcións de Sanxenxo e concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, destacou ao municipio como sede dun amplo abano de probas deportivas ao longo do ano. “Ao longo do ano Sanxenxo colabora na organización de máis de 75 eventos deportivos de gran nivel. Co automovilismo ampliamos o noso abano de deportes”, asegurou.

A directora da proba, Diana Rivas, explicou que nesta edición “quixemos dar unha volta co cambio de formato, pasando a 3 tramos, o que permite un aumento ata os 105 km cronometrados”. Durante a súa intervención, destacou que “en só tres días completouse o límite de 140 participantes e abriuse lista de reserva”. Tamén fixo un chamamento á prudencia dos asistentes.

A maior novidade chegará coa celebración o venres 5 de xuño, cun tramo espectáculo en Poio. O ‘shakedown’ será no entorno do Monte de A Escusa. Neste tramo espectáculo poderán participar como máximo 60 vehículos dun total de 140 inscricións habilitadas para o rallye.

Xa pola tarde, ese mesmo venres ás 19:45 h, a Praza do Mar de Sanxenxo acollerá a cerimonia oficial de saída con todos os participantes.

A xornada do sábado 6 de xuño concentrará a maior actividade, con ata catro tramos cronometrados, que arrancarán xa ás 8:00 h coa saída dos primeiros pilotos. Será un sábado que se prolongará coa cerimonia de entrega de trofeos na Praza do Mar.

0
0
0
s2sdefault