Os traballos no interior céntranse na división dos espazos
Sanxenxo, 10 de xullo de 2026.- A obra do edificio multiusos de Portonovo avanza coa renovación da fachada e da cuberta, así como coa demolición das escaleiras e a división dos espazos interiores. O alcalde, Telmo Martín, realizou esta semana unha visita ás obras, que está previsto que conclúan despois do verán.
As obras teñen un custo de 1.242.907 euros e un prazo de execución de catro meses. A reforma conta cunha axuda de 900.000 euros do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra.
O edificio, que foi construído en 1989, conta con 903 metros cadrados e presenta importantes deficiencias de accesibilidade e illamento. A súa localización, en pleno centro da vila, e o bo estado da estrutura, así como as súas posibilidades de uso, fixeron que se decidise melloralo e recuperalo como sede de Servizos Sociais e para diversos usos sociais e educativos.
A redistribución das plantas e que tanto a escaleira como o ascensor cheguen á planta semisoto permitirá utilizala como acceso principal do edificio. Nesa mesma planta situarase o control e a recepción de usuarios, deixando un importante espazo libre e flexible, multiusos, onde realizar desde pequenos actos, exposicións e presentacións, tanto do Concello como das distintas asociacións.
Na planta intermedia, con acceso desde a rúa lateral, accederase de maneira totalmente accesible grazas ao dobre embarque do ascensor a 180º ao pequeno espazo multiusos da primeira planta, destinado a un uso esporádico para eventos públicos ou privados independentes do resto do edificio e totalmente acondicionado acústica e termicamente. Unha bancada retráctil, un espazo de almacenamento e un pequeno escenario habilitarano para practicamente calquera acto, representación teatral, clases de baile, ioga ou pilates. Tamén nesta planta habilitarase unha sala multiusos cunha pequena cociña onde se poderán impartir cursos de cociña.
A seguinte planta habilitarase integramente para o departamento de Servizos Sociais, cun total de oito despachos para traballadoras sociais, psicólogas, o CIM, así como un posto de control e información, unha zona de espera reservada para usuarios e unha sala de reunións para o persoal.
A segunda planta albergará as aulas de educación para maiores e o despacho do profesorado. Tamén se habilitará unha aula técnica con servizos informáticos e audiovisuais para poder impartir cursos.
Por último, na planta baixo cuberta, á que chegarán tanto as escaleiras como o ascensor, manterase o uso como sala de estudo para aproximadamente 20 usuarios, onde primarán a iluminación e o confort acústico.