Sanxenxo, 7 de agosto de 2026.- Máis de 200 persoas acudiron onte á charla divulgativa sobre a eclipse solar impartida polo astrónomo galego Ramón Iglesias Marzoa no salón de actos do Pazo Emilia Pardo Bazán. A sesión serviu para explicar os detalles deste histórico fenómeno do vindeiro 12 de agosto e detallar as medidas de seguridade indispensables para observalo. En Sanxenxo poderá verse unha eclipse parcial cun escurecemento do 99,5 % do Sol. Durante os minutos máis próximos ao máximo, a radiación solar diminuirá de forma moi intensa.
Durante a charla insistiu na necesidade absoluta de utilizar lentes homologadas con filtro solar ou métodos de proxección indirecta para evitar danos graves e irreversibles na retina. Precisamente, ao remate da sesión repartíronse 300 lentes.
O Concello encargou un total de 5.000 lentes para o seu reparto gratuíto, coa imaxe da Lanzada de fondo e o lema “Sanxenxo 365 días diferentes”. As persoas interesadas en contar cunhas lentes poderán recollelas nas oficinas de turismo e nos edificios municipais, acompañadas dunha guía de observación en papel que tamén conta cunha versión dixital na seguinte ligazón:
https://sanxenxo.es/index.php/gl/concello/agenda/8687-eclipse-2026
Os puntos de observación con maior visibilidade en Sanxenxo poden consultarse de forma detallada na aplicación móbil oficial IGN Eclipses. Recoméndase evitar as aglomeracións e optar por lugares amplos e con baixa intensidade de tráfico.