Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DO CAMIÑO DO CASTRO AVANZAN CO SOTERRAMENTO DE CANALIZACIÓNS E O FORMIGONADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 7 de agosto de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Mantemento e Servizos, Yago Torres, visitaron esta mañá as obras que se están a executar no Camiño do Castro, en Dorrón. A actuación avanza xa co soterramento das canalizacións de saneamento, electricidade e telecomunicacións, así como co formigonado da pista. Esta actuación, financiada a través do Plan +Provincia, conta cun orzamento de 412.445 euros, ademais de fondos propios do Concello.

A actuación contempla un pavimento máis resistente, un sistema de drenaxe eficaz e redes actualizadas de saneamento e abastecemento. Así mesmo, inclúe o soterramento do cableado aéreo e a instalación de luminarias de baixo consumo, o que contribuirá a reducir o impacto visual e avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente.

Ademais, ampliarase a calzada, adaptando a vía ás necesidades actuais do tráfico. A seguridade peonil mellorarase coa execución dunha nova varanda, a ampliación parcial do camiño mediante unha cesión de terreos e a incorporación de sinalización horizontal e vertical.

En definitiva, as obras propostas consisten en:

  • Ampliar e uniformizar o firme mediante a demolición total do existente, a execución da caixa e a formación dun novo firme composto por unha base de zahorra e un pavimento de formigón con acabado estriado e franxas transversais de pedra de granito, contemplándose ademais a construción dun muro de formigón.
  • Mellorar a drenaxe lonxitudinal coa execución dunha nova rede de recollida mediante reixas lonxitudinais centrais e transversais conectadas á rede existente.
  • Completar as redes de saneamento e abastecemento.
  • Soterrar o cableado aéreo da zona.
  • Mellorar a seguridade peonil e viaria.
  • Substituír o alumeado público por tecnoloxía máis eficiente.

O obxectivo é continuar estendendo o modelo de humanización que xa transformou outros espazos do municipio, garantindo que todos os núcleos rurais conten con servizos de calidade similares aos das zonas urbanas.

0
0
0
s2sdefault