Concello de Sanxenxo - A EMPRESA MUNICIPAL NAUTA SANXENXO MIDE E ESTABILIZA, POR OITAVO ANO CONSECUTIVO, A SÚA PEGADA DE CARBONO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O compromiso ambiental reflíctese nos seus distintivos de Bandeira Azul, Q de Calidade, S de Sustentabilidade e Galicia Calidade.

Sanxenxo, 10 de agosto de 2026.- A empresa municipal Nauta Sanxenxo mide, por oitavo ano consecutivo, a súa pegada de carbono, logrando estabilizar as súas emisións nos tres parámetros calculados conforme ás especificacións da Norma UNE EN ISO 14064-1:2019.

O cálculo da pegada de carbono realízase co obxectivo de reforzar a imaxe de Nauta Sanxenxo S.L. e a súa reputación nun mercado con consumidores cada vez máis preocupados polas cuestións ambientais; avaliar e controlar os posibles riscos para o cambio climático que poidan derivarse da súa actividade, e amosar á sociedade en xeral o compromiso da organización en materia ambiental.

A empresa municipal Nauta Sanxenxo conta con varios distintivos oficiais de calidade ambiental, turística e de servizos que recoñecen a excelencia do porto deportivo xestionado pola sociedade municipal, como son a Bandeira Azul, a Q de Calidade, a S de Sustentabilidade e Galicia Calidade.

Nauta Sanxenxo xestiona o porto deportivo de Sanxenxo, cunha superficie concesional de 123.222 m². As súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 m², 450 puntos de amarre e máis de 25.000 m² de espazo peonil. Ademais, xestiona 3.000 m² de superficie comercial e 380 prazas de estacionamento público.

Datos do aparcadoiro en xullo

Durante o pasado mes de xullo, un total de 26.100 vehículos estacionaron nas instalacións interiores e exteriores do aparcadoiro municipal de Nauta Sanxenxo. A estancia media dos vehículos foi de 3 horas e a recadación acadou os 163.421 euros. A media diaria de rotación situouse en 842 vehículos, mentres que a recadación media por día foi de 5.271 euros.

0
0
0
s2sdefault