A actuación será financiada por ambas administracións ao 50 % e o custo ascende a 1,8 millóns de euros
Sanxenxo, 11 de agosto de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron esta mañá o convenio que permitirá unir polo litoral as praias de Silgar e Baltar bordeando o parque de Punta Vicaño. “É unha actuación coa que se busca mellorar o que xa existe. Por un lado, a renovación da pasarela de Baltar, que permitirá seguir protexendo a duna e dotala de iluminación, e empezar a facer realidade un obxectivo que é comunicar as praias de Silgar e Baltar polas rochas”, dixo Martín.
Esta actuación, incluída na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria-Plan Extra, levarase a cabo cun orzamento total de 1,8 millóns de euros, que serán financiados pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo a partes iguais, xa que ambas administracións achegarán 900.000 euros.
O presidente da Deputación asegurou que o proxecto, que contempla unha intervención sobre 1.700 metros de percorrido, “busca mellorar a accesibilidade e a conexión entre algúns dos principais espazos turísticos do municipio”.
O proxecto divídese en tres zonas. A primeira corresponde ao tramo de 293 metros entre Silgar e Punta Vicaño, un percorrido condicionado pola presenza de rochas e a dificultade do terreo. Neste punto instalarase unha plataforma de composite sobre micropilotes, acompañada de varandas de aceiro, balizas e proxectores de iluminación.
Entre Punta Vicaño e Baltar actuarase sobre outros 614 metros. Os traballos incluirán a reparación dos puntos deteriorados da senda existente e a habilitación de novos segmentos para mellorar a conexión entre o miradoiro, o parque de Punta Vicaño e o acceso á praia.
A terceira zona sitúase na praia de Baltar, onde se substituirá a pasarela existente ao longo de 634 metros por unha nova estrutura. Esta contará tamén con balizas e proxectores de iluminación e estará deseñada para favorecer a conservación do sistema dunar.