O Concello cede as instalacións para a selección e as clases prácticas
Sanxenxo, 12 de agosto de 2026.- A Fundación Laboral da Construción amplía o prazo de selección de participantes no programa RenÓbrate de Sanxenxo ata finais de agosto. Terá unha duración de nove meses e ofrecerá un total de 20 prazas para maiores de 18 anos inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Durante ese tempo, as persoas participantes recibirán formación práctica e teórica remunerada co salario mínimo interprofesional. O obxectivo é que polo menos o 60% do alumnado consiga un emprego nos dous meses posteriores á finalización do curso.
O Concello facilitará os espazos onde se impartirá a formación e o alumnado realizará prácticas mediante traballos de mantemento e mellora de edificios e infraestruturas municipais. Todo isto en coordinación coa Concellería de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, que dirixe Yago Torres.
As persoas participantes no programa serán contratadas pola Fundación Laboral da Construción mediante un contrato de formación en alternancia durante os nove meses de duración do proxecto, percibindo unha retribución equivalente ao 100% do Salario Mínimo Interprofesional vixente. A actividade laboral práctica suporá, como máximo, o 65% da súa xornada laboral.
Actuacións en espazos públicos
O proxecto piloto que se porá en marcha en Sanxenxo incluirá 510 horas de formación. As 20 persoas participantes realizarán tarefas de albanelería e pavimentos urbanos, mediante a reforma e acondicionamento de locais municipais e actuacións en espazos públicos, incluíndo pavimentos peonís exteriores e elementos complementarios de urbanización.
O obxectivo final de RenÓbrate é que o 60% do alumnado participante formalice, no prazo máximo de dous meses desde a finalización do programa, un contrato de traballo durante un mínimo de tres meses a xornada completa en empresas do sector relacionadas coas materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.
A selección das persoas participantes realizarase mediante un procedemento específico en colaboración coas entidades locais e coas oficinas de emprego de Galicia. Seleccionaranse 20 persoas, así como unha listaxe de reserva. O programa terá en conta o perfil das persoas participantes e a demanda do tecido produtivo, co obxectivo de avanzar cara a un modelo máis flexible e conectado coa realidade laboral, complementando os itinerarios tradicionais cunha aprendizaxe vinculada ao traballo efectivo en cada contorna.