Concello de Sanxenxo - DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON MOTIVO DE NAUFRAXIO DO PESQUEIRO SIN QUERER DOUS.
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

News

Con motivo do naufraxio do pesqueiro Sin Querer Dous, o Concello de Sanxenxo, en representación de toda a cidadanía, quere mostrar a súa solidariedade cos familiares e amigos das vítimas.

O naufraxio ocorrido no día de onte, 19 de decembro de 2018, encheu de pesar a veciños e veciñas de Sanxenxo e nese sentido, esta Corporación acordou declarar loito oficial ata as 24.00 h. do día 22 de decembro. Ademais, celebrarase unha concentración silenciosa nas portas da Casa Consistorial, o día 20 de decembro ás 12 da mañá.

Este Concello, como non podía ser doutra maneira, non é alleo á profunda dor causada polo afundimento do pesqueiro “Sin querer dous”, e quere manifestar a súa solidariedade cos familiares e achegados das vítimas do accidente.

O Sin Querer Dous, antigo Playa de Portonovo, é un barco, de 26 metros de eslora, con base en Portonovo. Un pesqueiro moi querido e coñecido por todos os veciños e veciñas da vila. Entre a súa tripulación atopábanse no momento do suceso, veciños de Portonovo, aos que esta Corporación quere enviar ánimos nestes momentos difíciles, pero, sobre todo, solidarizarse coas familias e coñecidos dos falecidos, veciños de Cambados.

O regreso a casa do buque truncouse este mércores de forma inesperada para a súa tripulación, despois de descargar a súa pesca na Coruña, procedente de Gijón. Poñían Rumbo a Portonovo, co propósito de pasar as festas do Nadal cos seus familiares e amigos.

No día de onte, pouco antes das dúas da tarde coñeciamos a triste noticia deste naufraxio. Seis, dos dez tripulantes, lograron poñer a salvo as súas vidas e ser rescatados por pesqueiros da zona, mentres outros tres falecían e un cuarto continúa desaparecido. Aos sobreviventes, queremos enviarlles moita forza, pero, sobre todo queremos solidarizarnos e transmitir a nosa dor ás familias dos falecidos, Manuel Serén, Bernardino Padín e Teófilo Rodríguez. E coa familia de Guillermo Casais, que continúa desaparecido.

Nestes momentos non podemos evitar lembrar outra traxedia, de dimensións similares, dun pesqueiro veciño. Os Novo Marcos, de Poio, dirixíase a Combarro, en abril do ano pasado, cando ás catro da madrugada chocou cunha batea. Un accidente que deixou tres falecidos. Ou do pesqueiro Silvosa, que envorcaba hai tan só unhas horas, en Malpica, deixando outro falecido.

Como estes, outros moitos naufraxios, leváronse vidas de familiares veciños e amigos, que tamén queremos lembrar hoxe aquí.

Por último, queremos facer un chamamento, á cidadanía, para que participe o minuto de silencio convocado para esta mañá e a poñer en manifesto o apoio e a solidariedade con todas as familias.

Sanxenxo está a sufrir, Cambados está a sufrir, Galicia está a sufrir e toda España está a sufrir. 

Non morre quen se vai, só morre o que se esquece, e o Concello de Sanxenxo non vos esquecerá xamais.

 

0
0
0
s2sdefault