Concello de Sanxenxo - A mesa de contratación propón á UTE formada por Ramírez, Abal e Revivis como adxudicatarios da obra de rehabilitación do Pazo de Quintáns
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Despois do proceso de licitación, a mesa de contratación propuxo á UTE formada por Ramírez, Abal e Revivis como empresas adxudicatarias das obras de rehabilitación do pazo de Quintáns para convertelo nun museo do patrimonio cultural.

Agora, teñen un prazo de 7 días para presentar a documentación requirida e así poder facer efectiva dita adxudicación. O orzamento final da obra, supoñería unha baixada de 100.000€, con respecto ao orzamento de licitación, de 1.921.326€ a 1.819.304€.

A rehabilitación deste pazo ten como obxectivo, ser un museo de todo o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e botánico non só da parroquia de Noalla, senón tamén de todo o municipio, como pode ser coa incorporación de información relacionada cos castros de Nantes e de Dorrón.

O pazo de Quintáns albergará a historia de Sanxenxo e é por iso que na planta baixa do edificio principal poderemos atopar unha tenda, oficinas e o recibidor principal das instalacións. E, na planta superior, acondicionaranse 5 salas. Unha delas será un miradoiro galería á “paisaxe máis bonita de Galicia” como xa destacou no seu momento Otero Pedrayo. Haberá dúas salas de exposicións permanentes e unha de exposicións temporais. Ademais, tamén se acondicionará unha sala de proxeccións.

Nos edificios auxiliares, destacan as salas de arqueoloxía e o establecemento de restauración. Por último, no hórreo poderemos atopar unha sala de valores naturais e botánicos, tanto do propio pazo como da zona.

0
0
0
s2sdefault