Concello de Sanxenxo - Sanxenxo proxecta un centro de estudios turísticos con sede no colexio O Cruceiro unha vez que este centro quede baleiro e se realice unha profunda remodelación
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Alcalde leva tempo traballando para facer realidade unha vella aspiración de Sanxenxo, especialmente da comunidade escolar e o sector turístico, ter un Centro de Formación de Estudos Turísticos.

Un centro cun perfil formativo acorde ás necesidades específicas de Sanxenxo e que, por tanto, inclúa algunhas especialidades que non se imparten no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.

Sanxenxo necesita formar profesionais de hostalería, restauración e na xestión de aloxamentos turísticos, titulacións que se poden cursar no Carlos Oroza. Pero tamén necesita formar profesionais en materias que non imparte o centro de Pontevedra, por exemplo, recepcionistas de hotel, márketing de turismo, organización de eventos e a posibilidade de dar formación a adultos, que xa traballan no sector desde hai anos.

O primeiro destino turístico de Galicia e do norte de España cun millón de pernoitas hostaleiras necesita un centro especializado que lle axude a desenvolver todo o seu potencial turístico.

O alcalde, tendo en conta que as instalacións do IES de Vilalonga non dispoñen do espazo necesario, propuxo que o colexio O Cruceiro de Vilalonga sexa a sede dun Centro de Formación de Estudos Turísticos adscrito ao instituto de Vilalonga. O colexio de O Cruceiro será sometido a unha profunda remodelación para adecualo ao seu novo uso. Estamos a falar dun recinto que ten varios edificios que suman unha superficie de 4.221 m2.

A rede galega de formación profesional de hostalería está formada por oito centros. Tres na provincia da Coruña, dous en Lugo, un en Ourense e dous na provincia de Pontevedra. Insuficientes no caso desta última se temos en conta a súa poboación e que é a máis turística das catro provincias. Parece, por tanto, lóxico mellorar a súa oferta formativa en turismo e Sanxenxo é o lugar adecuado polo seu prestixio e peso no turismo galego.

Aínda que é un pouco prematuro entrar en tantos detalles, a idea do Alcalde, que xa puido compartir co CETS, é que na xestión do centro participen a Consellería de Educación, o Concello e as empresas turísticas que queiran involucrarse. Un centro que imparta formación profesional dual, que compaxine a actividade formativa e teórica nas aulas coa actividade laboral e práctica nas empresas.

0
0
0
s2sdefault