Concello de Sanxenxo - Vithas Salud Fisium e CIM Sanxenxo poñen en marcha "Pilates en familia"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Poden asistir pais e nais cos seus fillos a partir dos catro anos.

• As clases son impartidas por fisioterapeutas do centro Vithas Saúde Fisium cada venres en dous posibles horarios.

• O pilates mellora a flexibilidade, estabilidade e coordinación de nenos e adultos e practicalo en familia axuda a que os máis novos interioricen a práctica deportiva como algo habitual.

A colaboración entre o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Sanxenxo e o Centro Vithas Saúde Fisium desta localidade, permitirá desenvolver a partir do próximo mes de maio pilates para familias. Esta iniciativa está dirixida a grupos de pais e nais acompañados de nenos e nenas a partir de catro anos.

Os beneficios do pilates como práctica deportiva saudable son ben coñecidos e contrastados. Facilita a flexibilidade, estabilidade e coordinación, prevén a obesidade e os problemas cardíacos e metabólicos, reduce a tensión e tonifica a musculación, á vez que fortalece o abdome.

A todas estas vantaxes, súmaselles o feito de que practicalo en familia reforza o vínculo materno/paterno filial e axuda a que os máis novos interioricen o pilates como parte da práctica deportiva habitual. Ademais, se se empeza a practicar a curta idade apréndese dunha maneira máis fácil e natural a ter unha correcta hixiene postural e prevén futuras lesións, especialmente de costas e columna vertebral.

Nesta ocasión, ao ser unha actividade impartida por licenciados en INEF e especializados en Pilates e Ioga, os exercicios centraranse fundamentalmente na prevención de futuras doenzas, así como a corrección de postura.

As sesións celebraranse unha vez á semana, os venres, en dous horarios a elixir, empezando ás 18:30 ou 19:30 e cunha duración total de 45 minutos. A inscrición pode facerse de maneira presencial no centro situado en Avenida Luis Rocafort Nº33, Baixo ou a través do e-mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.


UNHA NOVA CHARLA

Despois da charla de fibromialxia celebrada a pasada semana, o envellecemento activo será o tema da charla que o próximo 15 de maio ás 20:00 h impartirá Daniel Otero, Adestrador persoal de Vithas Saúde Fisium en Sanxenxo, no Centro Multiusos de Portonovo.

0
0
0
s2sdefault