Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO HABILITA UN CIRCUÍTO PARA BICICLETAS E PEÓNS NUNHA ZONA VERDE DO POLÍGONO DE NANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo contará nas próximas semanas cun novo espazo lúdico e deportivo nunha zona verde do polígono de Nantes na contorna do Con dá Romaíña. Trátase dun circuíto de tres quilómetros e medio de lonxitude, no que se prevé que convivan bicicletas e peóns, aberto a veciños e visitantes.

O concelleiro de Deportes, Daniel Arousa, e o edil de Medio Ambiente, Juan Deza, acudiron hoxe á zona xunto ó presidente do Club Ciclista Corbelo, Iván Pérez, para supervisar os traballos que se espera estean listos nas próximas semanas. O trazado do circuíto xa está concluído, pero prevese mellorar o endurecemento do terreo con zahorra nalgúns puntos para garantir a seguridade da práctica deportiva.

O Concello de Sanxenxo encargouse do acondicionamento do espazo con medios municipais propios e coa pa da Mancomunidade do Salnés, pero tamén contou coa colaboración e participación do club ciclista porque a idea é que o circuíto poida albergar probas deportivas como a Mini BTT ou os cros escolares, entre outras actividades. Por este motivo e debido á lonxitude da pista, prevese dividir, segundo a dificultade técnica, por tramos de cores. Unha sinalización que servirá de guía tanto para os peóns como para os ciclistas.

O espazo estará restrinxido aos vehículos de motor, por motivos de seguridade e por tratarse dunha zona cun alto valor ambiental. “Queremos que se poña en valor este espazo e que as familias se animen a gozar da contorna. Plantaremos carballos e colocaremos mesas e bancos”, explica o edil de Deportes, Daniel Arousa.

O proxecto conta co visto e prace tanto da comunidade de montes de Nantes como da xunta de propietarios do polígono que consideran que o circuíto é unha boa forma de pór en valor este espazo natural.

Co obxectivo de promocionar o circuíto, o Concello colocará un cartel de 3x2 de tamaño, na zona máis alta do circuíto para que poida ser visualizado desde a vía rápida.

0
0
0
s2sdefault