Concello de Sanxenxo - SANXENXO INFORMARÁ DO NIVEL DE OCUPACIÓN DAS PRAIAS MEDIANTE DRONS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Garantir un verán seguro e evitar aglomeracións nas praias son dous dos obxectivos que o goberno local de Sanxenxo se marcou para este verán. O plan no que leva xa semanas traballando o Concello contempla a medición do nivel do aforamento en praias a través de drons que sobrevoarán desde a beira os areais e que ofrecerán case en tempo real o estado de ocupación. A través das redes sociais municipais, emitiranse as imaxes das distintas praias de Sanxenxo e mesmo se detallará o nivel de ocupación por porcentaxe e cores. A información será actualizada periodicamente para que o usuario coñeza case en tempo real o estado do areal e poida planificar a súa visita.

Un sistema aéreo polo que Sanxenxo xa apostara o verán pasado para reforzar o servizo de vixilancia e control de praias ante unha situación de salvamento no mar. "Dounos un moi bo resultado e apostamos por aplicar o mesmo método, pero con distinta función e adaptado á situación na que vivimos", asegura o alcalde, Telmo Martín. Os drons, ademais, terán a posibilidade de lanzar mensaxes de recomendación se cando sobrevoa un areal detecta unha concentración excesiva de persoas nun punto. O goberno local incorpora esta medida para dotar de seguridade ás outras 17 praias máis concorridas do municipio e sumar ao plan de cuadrículas presentado xa hai dúas semanas para garantir a distancia de seguridade no areal urbano de Silgar.

Doutra banda, o goberno entende que a medida proposta pola Xunta para o control dos aforamentos en praias pode ser moi útil, pero Sanxenxo traballa xa desde hai semana noutros plans de seguridade para as súas praias. "A aplicación da Xunta está a dar moi bos resultados na Praia das Catedrais, pero en Sanxenxo xa temos previstas outras medidas que se adaptan mellor as nosas circunstancias e nas que levamos tempo traballando", asegura Telmo Martín.

0
0
0
s2sdefault