Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REPARA O MURO DE CONTENCIÓN DO CANTIL NA CONTORNA DAS ESCALEIRAS DA LANZADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo concluíu esta semana a reparación do muro de contención do cantil da Lanzada situado na contorna das escaleiras que se sitúan detrás da ermida. O desprendemento de pedras, a finais do mes de febreiro, obrigou a elaborar un proxecto de obra de emerxencia realizado polo arquitecto municipal e a valar a zona para impedir o acceso ao constatar un alto risco de derrube. O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza, supervisaron a obra acompañados do párroco da Lanzada e dos técnicos que executaron a reparación. Tras a visita, procedeuse á retirada do valado e a apertura do acceso.

A obra foi sufragada con fondos municipais e tivo un custo de 9.478 euros. O Concello de Sanxenxo notificou a Costas a reparación despois de que o organismo estatal comunicase que non participaría na rehabilitación deste muro ao asegurar nun informe que non afecta o dominio público marítimo terrestre. Do proxecto tamén se informou a Patrimonio xa que a obra foi executada en 1980 para evitar os danos dos temporais e atópase dentro da área de protección da ermida.

0
0
0
s2sdefault