Concello de Sanxenxo - A PISCINA MUNICIPAL REABRIRÁ EN SETEMBRO TRAS UNHA PROFUNDA REMODELACIÓN E A APLICACIÓN DE MEDIDAS DE SEGURIDADE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A apertura da piscina municipal posponse a setembro. O goberno local decidiu manter as instalacións pechadas para realizar melloras e aplicar novas medidas de seguridade que garantan a volta á piscina e ximnasio con todas as garantías sanitarias. Así, está prevista a renovación da deshumectadora que garanta as idóneas condicións de humidade e renovación do aire no espazo da piscina. Un investimento que redundará na calidade de servizo aos usuarios. 
A actual situación de alerta sanitaria tamén obriga a reforzar as medidas de seguridade para garantir o distanciamento social polo que se instalarán biombos de separación nas duchas; os espazos nos vestiarios delimitaranse con andeis individuais e cintas ou adhesivos que marquen en cada momento a área de cada usuario. A limpeza e desinfección tamén se reforzará coa reapertura. Até agora limpábanse as instalacións catro veces ao día, pero a partir de setembro duplicaranse as tarefas de desinfección e hixiene.
A maquinaria do ximnasio será renovada por completo nas distintas disciplinas deportivas. Tamén no ximnasio cada aparello contará coa distancia de seguridade de dous metros e colocaranse adhesivos en paredes e chan para lembrar ao usuario o distanciamento recomendado.
Outra das novidades importantes a partir de setembro será o control de aforamento das instalacións. O concelleiro de Deportes, Daniel Arousa, baralla diversas opcións, entre elas, unha aplicación que permitiría ao usuario coñecer en cada momento a afluencia do ximnasio e tamén un sistema para contabilizar as entradas.
En canto ao persoal da piscina municipal, os monitores que dispoñen de curso de socorrista reforzarán o servizo de vixilancia e o control de praias. Cabe lembrar que o Concello sacou unha bolsa de persoal para socorristas, sanitarios e vixiantes de aforamento para praias este verán. As inscricións poden realizarse de forma telemática e os requisitos poden consultarse na sede electrónica do Concello de Sanxenxo. O prazo concluirá o próximo 3 de xuño.
 
0
0
0
s2sdefault