Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 238 PERSOAS APÚNTANSE NA BOLSA CONVOCADA POLO CONCELLO DE SANXENXO PARA SELECCIONAR SOCORRISTAS, SANITARIOS E VIXIANTES DE AFORAMENTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A resposta á convocatoria da bolsa de socorristas, vixiantes e sanitarios superou as expectativas do Concello de Sanxenxo con 238 aspirantes para as distintas modalidades. Do total, 89 preséntanse para a praza de socorrista, 47, á de sanitarios e 102, á de vixiantes de aforamento. A lista de admitidos publicarase o vindeiro luns e deberanse someter a unha proba telemática, xa que debido á situación sanitaria non se realizarán probas presenciais. O persoal incorporarase aos areais o próximo 26 de xuño mentres que xa se iniciou a instalación do balizamento.

O Concello de Sanxenxo reforzará este verán o persoal destinado a praias ante a posibilidade de lograr tres novas bandeiras azuis para Areas Gordas, A nosa Señora e Area de Agra coas que pasaría a ter 19 areais con este selo. A praia de Panadeira, que o ano pasado recuperou a bandeira azul, aspira este ano a incrementar os seus distintivos coa Q de Calidade.

A actual situación sanitaria obrigou a Sanxenxo a redobrar esforzos e a aumentar servizos de vixilancia nos seus areais con distintos sistemas. O Plan de Seguridade de Silgar co sistema de cuadrículas comezará a instalarse a principios da próxima semana e varios drons sobrevoarán o resto de areais con información case instantánea sobre a situación e o aforamento nas redes sociais do Concello de Sanxenxo.

A hixiene será outro dos temas destacados na posta a punto da campaña estival. O Concello xa adxudicou o servizo de limpeza de aseos que este verán se limparán cada hora e media. En lugar visible colocarase un cartel co horario de cada limpeza e un teléfono móbil co que se poderá comunicar o usuario se atopa a instalación en mal estado para que poida ser corrixida de inmediato.

A praia de Silgar terá un horario de apertura e peche de once da mañá ás 21 horas para permitir a limpeza e desinfección das cordas e estacas. O acceso ao areal para pasear ou correr pola parte posterior da praia limitarase até as 10 horas e a partir desa hora deberase abandonar para proceder á entrada regulada.

Dentro do cinco sectores, o Concello de Sanxenxo habilitará unha zona con preferencia para maiores de 65 anos e discapacitados que teña unha entrada de fácil acceso desde o Paseo de Silgar. A comida e os xogos con pelota estarán prohibidos en todas as praias por motivos de seguridade.

0
0
0
s2sdefault