Concello de Sanxenxo - O GOBERNO PON EN MARCHA CAMBIOS NA POLICIA LOCAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Durante a crise do coronavirus a Policía local fixo un gran traballo que o goberno quere recoñecer. Pero tamén é certo que o servizo da policía local leva 20 anos practicamente sen cambios e, por iso, necesita adaptarse aos novos tempos e incorporar habilidades tecnolóxicas que hoxe en día son imprescindibles. O goberno tamén quere unha policía máis próxima que, ademais, de circular nos vehículos, percorra andando os lugares máis concorridos para ofrecer un mellor servizo a veciños e visitantes.
No marco destas melloras o goberno local reuniuse hoxe cos sindicatos na mesa de negociación. O tema principal que se tratou é o número de horas da xornada laboral dos policías. Até agora, excepto os policías de oficina, medio ambiente e urbanismo que fan 40 horas semanais, o resto dos axentes fai 33 horas. O goberno considera que deben facer 37,5 horas igual que o resto dos empregados municipais, tal e como di o informe xurídico do que dispón o Concello e que será remitido aos representantes sindicais para abordar nunha próxima reunión enmarcada dentro da negociación.
Outro aspecto fundamental é a dotación de novas tecnoloxías á Policía Local. Para iso, vaise a adquirir unha aplicación deseñada por policías locais doutros concellos que se chama xesPol e que facilita o traballo diario dos axentes a través da cal poderán ter acceso a base de datos de Tráfico e as do propio Concello. Por exemplo, un axente quere comprobar se un local está a cumprir o aforamento mediante a aplicación accede rapidamente á información da licenza. O Concello tamén vai adquirir 4 drones e facilitará a formación de 8 axentes que se mostraron interesados na utilización desta ferramenta tan útil para o control do tráfico e a seguridade cidadá.
Co obxectivo de mellorar a calidade do servizo e a profesionalidade dos axentes o goberno ten a intención de aumentar o complemento de destino e recoñecer un complemento de produtividade vinculados ao cumprimento duns requisitos que serán avaliados polo mando e o concelleiro responsable, Jaime Leiro, como a puntualidade, a dispoñibilidade as 24 horas, a produtividade, a formación e o desenvolvemento de habilidades nas novas tecnoloxías, entre outros.
O persoal fixo da Policía Local está formada por 23 axentes, pero hai 6 que están de baixa de longa duración. O goberno acaba de convocar 4 prazas para policías que queiran vir a Sanxenxo en comisión de servizo, 2 oficiais e 2 axentes. Ademais, desde hai uns meses, hai 6 auxiliares contratados aos que se sumasen outros 30 a partir da primeira semana de xullo.

0
0
0
s2sdefault